Adrián Pérez Bote gaña o Premio Illa Nova con Baixo o ceo de xeo

Desde Galaxia:
“Reunido o xurado do Premio Illa Nova de Narrativa nas instalacións de Ámbito Cultural de El Corte Inglés; composto por Iago Fernández, Miriam Ferradáns, Karla González Miravete, Iria Morgade e Pablo J. Rañales; con Malores Villanueva como secretaria do xurado, en representación da Editorial Galaxia; decide por unanimidade outorgarlle o Premio Illa Nova de Narrativa na súa oitava edición ao texto Baixo o ceo de xeo.
Aberta a plica cos datos da obra premiada o gañador resulta ser Adrián Pérez Bote.
O xurado destacou que Baixo o ceo de xeo é unha novela moi orixinal ao facerse cargo de toda unha tradición de xéneros que explicita e que se resolve na construción dunha trama que crea un universo propio. Así mesmo, a obra participa dunha corrente xeracional de narración, xoga con moitas referencias lectoras, ao tempo que conxuga a fantasía e a ciencia ficción con mestría. A autor emprega a complexización dos subxéneros para se interrogar a construción de mundos ficcionais dunha maneira moi suxestiva.
Adrián Pérez Bote desenvolve unha escrita moi expresiva, estilísticamente moi visual e con descricións orixinais que non lle restan ao ritmo áxil que domina dende o comezo da novela. Unha narrativa madura que desenvolve un argumentario intelixente arredor de temas diversos como a empatía cara a outras sociedades oprimidas, o anticolonialismo ou a crítica social. A antropoloxía está moi presente na obra, con investigacións, reflexións e datos que enriquecen fondamente a lectura. Unha análise sociolóxica que avanza a carón dos dous personaxes principais que se constrúen con profundidade, ben caracterizados e que, novamente, mostran o dominio do autor na construción desta magnífica novela. (…)”

Outórganse os XXXIX premios Losada Diéguez de ensaio e narrativa

Desde Cultura Galega:
“Trinta e cinco obras xa publicadas optaban este ano nas dúas categorías da XXXIXª edición do Premio Antón Losada Diéguez promovido polos concellos de O Carballiño e Boborás, contando co apoio da Deputación de Ourense. Trala deliberación do xurado o sábado 20 de abril a obra A Vera Cruz de Antonio Palacios de Rafael Otero Janeiro (O Carballiño, 1962), editada polo Instituto de Estudos Carballiñeses alzouse por maioría co premio na modalidade de Ensaio e Investigación; mentres que na categoría de Creación Literaria a maioría do xurado decantouse pola obra Quen escribirá a miña historia? asinada pola pontevedresa Iria Morgade Valcárcel (Pontevedra, 1988) e publicada na editorial Galaxia. Cada un dos premios está dotado con 6.000 euros.
No caso do carballiñés Rafael Otero, o xurado considerou a obra premiada “unha creación que reflicte moitísimos anos de investigación, unha obra de síntese, divulgativa e que se centra moito nun dos mellores traballos de Antonio Palacios. Un texto moi ben escrito e pensado que valoriza a obra do arquitecto Palacios para que chegue a un público amplo”. Na modalidade de Creación Literaria, o xurado valorou da obra de Iria Morgade Valcárcel o feito de que se trata dunha obra dunha creadora galega nova “que afonda nunha historia ambientada no Mosteiro de Oia que intercala a Guerra Civil coa máis actual, cos campos de concentración como base da historia e do enigma a resolver”. A entrega do premio será o vindeiro 15 de xuño deste ano, no Pazo de Moldes, casa natal do escritor e guieiro da Xeración Nós; Antón Losada Diéguez. “

A ordense Lidia Gómez gaña o Premio Biblos de novela para menores de 25 anos

Desde Sermos Galiza:
“Lidia Gómez Martínez, nacida en Ordes e que se presentou ao concurso con 19 anos, é a gañadora da novena edición do Premio Biblos-Casa Grande do Bachao, fallado na tradicional cea literaria que no serán do 19 de xullo reuniu a máis dun cento de personalidades da cultura galega.
Estudante de terceiro de Filoloxía hispánica o ano que vén en Compostela, o xurado viu no seu proxecto “posibilidades de acadar unha novela de interese na medida en que a forza das personaxes protagonistas e a intensidade dos sentimentos que as moven transcendan o momento histórico no que se sitúan”.
O traballo premiado ten “os elementos necesarios para chegar a ofrecer un retrato singular dunha sociedade de tipo decimonónico, que ela concreta na relación dunha lavandeira compostelana coa súa patrona, a dona dunha curtiduría da Pontepedriña”. Así o decidiu o xurado, integrado pola gañadora da sétima edición do Biblos, Iria Morgade Valcárcel, ademáis de por Tucho Calvo e María Xosé Queizán.
Lidia Gómez Martínez “amósanos a distancia entre dous mundos moi arredados social, económica e culturalmente, cos seus soños e os seus medos condicionados pola opinión da xente. Pero o interese do argumento que debe ser desenvolvido nos vindeiros meses nace precisamente na imposibilidade de manter eses universos estancos, do obrigado contacto e as relacións nos terreos máis cotiáns da vida e dos sentimentos”, continúa sinalando o fallo do xurado. O premio á Colaboración Necesaria coa Cultura foi parar a mans de Narciso Luaces Pardo, quen rexenta canda a súa compañeira, Herminia Cobelo, o Museo Etnográfico de Meixido, en Ortigueira, o lugar onde reside a parella.”

Vigo: presentación de Sete de Biblos

O xoves 27 de setembro, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno), preséntase o libro Sete de Biblos, obra que recolle cadanseu relato das cinco autoras e dous autores que gañaron as primeiras edicións do Premio Biblos-Pazos de Galicia: Iria López Teijeiro, Alberto Ramos, Patricia Casas, Berta Dávila, Pablo García Martínez, Elena Veiga e Iria Morgade. O acto, ao que asistirán a maioría dos autores, será presentado por Agustín Fernández Paz e Tucho Calvo.