Artigo de Santiago Jaureguízar en El Progreso:
“O profesor e estudoso da literatura galega Armando Requeixo, mindoniense coma o homenaxeado co galardón, deu a coñecer entre o público o seu libro Xosé Díaz Jácome. Poeta e xornalista, que lle valeu o premio literario Ánxel Fole promovido pola fundación Novacaixagalicia e El Progreso dende hai 24 anos. A primeira entidade estivo representada polo seu presidente, Mauro Varela, e a empresa de comunicación lucense polo seu director xeral, José de Cora, quen salientou que falaba en nome da presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro.
Xa dende o título, Requeixo antepón o título de poeta para Díaz Jácome, pois percibe esa xeira súa como a máis descoñecida. «Se houbese unha obra completa se lle percibiría máis como poeta», valorou o gañador, quen anima a reunir nun volume os tres libros que publicou en vida, sumándolle as creacións espalladas en numerosas publicacións e algunhas inéditas. O ensaísta indulta ao lírico no sentido que «traballou como xornalista dende 1939 a 1983, nunha tarefa que o absorbeu; viuse envolto nunha vertixe de falta de tempo para reunir obra poética para dar máis volumes para o prelo». A ese atranco sumou o da «humildade».
A maiores da súa vertente lírica, Armando Requeixo suliñou a preocupación de Díaz Jácome por embelecer os xornais coa prosa e a poesía de escritores coma Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro ou os Álvarez Blázquez, cuxa presenza nas follas grandes alentou durante toda a vida. (…)”.