Xulio Valcárcel percibe O Courel como “unha Galicia que desaparece”

Reportaxe de Santiago Jaureguízar en El Progreso:
“O Courel representa unha «Galicia que desaparece, un escano que queda baleiro porque non hai continuidade para ese mundo rico», explica Xulio Valcárcel en referencia a O escano baleiro (Biblos). O escritor lucense considera que ese ámbito da nosa provincia e Uxío Novoneyra «non se poden entender o un sen o outro», polo que o poeta finado aparece unha e outra vez entreverado na crónica.
O escano baleiro recolle historia, sociedade, botánica, costumes e personaxes conformando unha obra que se mira «dende varias facetas e dimensións que vehiculiza Novoneyra». Segundo o seu autor, o volume recolle «o compromiso elexíaco, facendo unha achega ao mundo do Courel a través dunha paisaxe física, unha determinación biolóxica e unha riqueza presente nos camiños, na casa de Novoneyra ou nos costumes como a malla, a pisa ou os xogos».
«Uxío e o Courel son inseparables, foi Uxío quen nos falou da importancia da montaña e a pequenez do home», comentou o autor. Xulio Valcárcel apunta que traza esa relación a través dunha «documentación exhaustiva e dun anecdotario completo no que reflicto, por exemplo, o contido do exame que lle fixeron en Lugo ou cartas inéditas que ían dirixidas a Manuel María, aínda que non se sabe se chegou a mandalas»..
O autor de O escano baleiro reconoce que quedou «fascinado cando descubriu O Courel», algo que lle chegou porque o pai estaba destinado en Quiroga, polo que el botaba os veráns alí e o proxenitor adoitaba «visitar a zona para ver os amigos». (…)”.