Luís González Tosar sobre Celso Emilio: Luz do canto contra a sombra

Artigo de Luís González Tosar en La Voz de Galicia:
“O ferreiro, símbolo clásico do demiurgo, era un ser capaz de forxar o cosmos todo porque conxugaba forza e poder. Figura temible, esta, sen chegar a deus, podía arremeter contra a divinidade ou contra os individuos, asegún. Na nosa tradición foi oficio moi respectado, fornecedor das ferramentas de labranza, tiradentes e destrutor implacable nos seus arrautos de ira. Celso Emilio, O Celso, como lle chamaban os amigos certos, foi ferreiro completo: «Amou os homes, e a forza asoballante do seu desexo levouno a querer transformar a historia, a asaltar o Pazo dos Ceos, a loitar para cambiar de base o mundo: desde Celanova, desde Galicia». Así o definiu Xosé Luís Méndez Ferrín, con quen o poeta compartiu camaradaxe, país, dialecto e as intimidades que só os amigos verdadeiros saben gardar.
Eu trateino a partir do seu regreso de Venezuela, 1973. Lérao antes, despois de asistir a unha actuación musical dos seus poemas no cine parroquial de Santiago de Vigo, 1969. Funo ver logo a Madrid e recibiume cos brazos abertos. Lembro que me levou ao seu apartamento, en Atocha, tiña a máquina de escribir pousada nunhas caixas de madeira, unha soa cadeira e o colchón no piso, sen somier. Mais nada. O que pasaba é que a Ferreiro Míguez tíñano marcado. Daquela, os cainitas bichicomas arremetían contra el pola mínima. Pero calquera que se achegase a fondo á súa obra, falareivos de min anque me doan/as escuras raíces dos meus soños, descubría nel moitas e diversas voces engaiolantes, auténticas: a tenrura, a infancia perdida, a emoción, a terra nai, a carraxe, o desengano, a sátira (Arístides Silveira). En todas brillaba o mestre liberador, a palabra intensa, valente. (…)”.