Entrevista a Armando Requeixo publicada en varios medios, a través do seu blog Criticalia:
“(…) – P: Nestes tempos tan duros que estamos a vivir, cal diría vostede que é o estado actual no que se atopa a literatura galega?
– R: Depende como se mire. Se xulgamos a nosa literatura pola súa calidade, pola excelencia dos produtos que ofrece, penso que nas últimas décadas se ten demostrado, sobradamente, que somos un país de escritoras e escritores equiparables aos mellores de calquera outra latitude. Agora ben, se o que hai que xulgar é cal é a proxección e vitalidade social desa escrita… aí o presente volveuse moi avolto ultimamente. O capital cultural e socioidentitario que a nosa literatura supón, mesmo a súa fortaleza como industria que cohesiona, en sentido amplo, a riqueza dun territorio, creo que está a ser obviada e desprezada por algúns. Iso ten feito que involucionemos obscenamente. Temos unha literatura de calidade propia do século XXI, pero unha caixa de resonancia institucional e social que recuou trinta anos.
– P: Leva anos traballando como crítico literario. Como escolle os libros que analiza?
– R: Pois, para explicalo dunha maneira sinxela, fago unha especie de “catas” de lectura. Comezo a ler os libros unhas cantas páxinas, un número xeneroso delas. Logo, dou pequenos saltos para ver como van sosténdose no desenvolvemento. Se vexo que a obra é boa ou, polo menos, mantén uns mínimos, apártoa para realizar unha lectura xa completa e demorada. Se, pola contra, o libro é moi frouxo, entón a crítica é o meu silencio, porque entendo que o espazo público é demasiado precioso para desbaldilo co que non paga a pena. (…)”