Entrevista a Armando Requeixo en Fervenzas Literarias

Entrevista a Armando Requeixo en Fervenzas Literarias:
“- Fervenzas Literarias (FL): Profesor e investigador, Armando Requeixo comeza a facer crítica literaria con dezanove anos. Con que vontade se embarca vostede nese mundo crítico que arriba agora coa publicación deste Criticalia?
– Armando Requeixo (AR): Eu fun, dende sempre, un lector voraz. Uniuse a iso a presenza, nunha idade temperá, dun feixe de profesores que viron en min un bo lector, esixente e curioso. Eles animáronme a poñer por escrito algunhas das lecturas que eu facía daquela, dun xeito totalmente amador (claro). Esas mesmas persoas, onde destacaría de maneira sobranceira a Claudio Rodríguez Fer e a Luís Alonso Girgado, favoreceron que esas recensións primeiras puidera facelas chegar a algúns dos suplementos literarios galegos de xornais e revistas especializadas que había naquel tempo, como as páxinas do Táboa Redonda de El Progreso, as de Edición 7 de El Correo Gallego, as páxinas de cultura do semanario A Nosa Terra… (…)
– FL: Iso podería levarnos á formulación doutra pregunta: cal sería -pois- o papel dos críticos dentro dun sistema literario?
– AR: O traballo da crítica camiña en dúas direccións. A primeira delas sería a da crítica inmediata; esa que aparece nos medios de comunicación: a “crítica de novidades”. Logo estaría a crítica académica, visible especialmente nos círculos académicos ou especializados. Estas críticas versarían sobre textos máis clásicos ou que teñen un recendo epocal. As dúas son interesante e necesarias, ademais de ser complementarias. Na crítica máis inmediata traballas cun material novo, que aínda está por valorar e por calibrar; mentres que coa crítica académica dáse un último empurrón para o canon. A crítica inmediata, esa crítica de actualidade, ten un cometido fundamental que é o de actuar de zahorí, de sommelier, porque hai que detectar aquilo que é susceptible de ir pasando co tempo, por decantación, a formar parte do canon. O crítico debe, por unha banda, informar os lectores e, por outra, ir escolmando aquilo que, ao seu xuízo, debería de quedar nesa listaxe de textos canonizados. Hai xente que traballa fundamentalmente na crítica académica que non ve con moi bos ollos –e incluso ás veces amosa un ápice de desprezo- a crítica de novidades. Eu dedícome a ambas as dúas e podo dicir que por veces a crítica inmediata é máis difícil que a académica. É moi doado dicir que Celso Emilio Ferreiro é un grandísimo poeta ou que A esmorga é unha magnífica novela cando se valora a touro pasado. Máis difícil é aseverar, no día de hoxe, que esa novela de Luís Rei Núñez ou aqueloutra de Antonio Reigosa son magníficas e que o tempo che dea a razón. (…)”.