Xosé Luís Franco Grande: “Alégrame ter sido un elemento de concordia e non de discordia”

Entrevista a Xosé Luís Franco Grande en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): ¿Como se sente ante este recoñecemento?
– Xosé Luís Franco Grande (XLFG): Un pouco sorprendido e preocupado porque é unha experiencia nova. O que me alegra é que sexa unha distinción da miña terra. Dáme satisfacción. Sobre todo o feito de que foi un acordo adoptado por unanimidade. Alégrame ter sido un elemento de concordia e non de discordia. (…)
– LVG: Opinaba vostede hai uns anos que a creación literaria estaba nun momento de vulgaridade total. ¿Mellorou a cousa?
– XLFG: É que cada vez que falo diso a xente ponse enferma. A miña opinión non vai cambiar a realidade, que é a que é. Pode que sexa eu o que está trabucado e as cousas van mellor, aínda que eu non o vexo por ningures.
– LVG: Acaba de nos deixar Díaz Pardo e Paco del Riego fíxoo hai pouco mais dun ano. ¿Hai relevo desta xeración cun perfil intelectual tan elevado?
– XLFG: Hoxe predominan os técnicos sobre os humanistas e iso xa se perdeu coa Xeración Nós. Pero é un cambio universal, non só de Galicia. Hoxe é imposible ter unha visión global e profunda das distintas ramas do saber. Unha cousa é estar informado, e outra, ter coñecemento real e profundo das cousas. Hai que peneirar todo moi ben para non caer en trampas. (…)
– LVG: ¿Como ve a marcha da Academia Galega na actualidade?
– XLFG: Hai moito que non vou pola Academia. Non me fai moita ilusión. Estou un pouco á marxe de todo iso. Tanto me dá estar dentro que estar fóra. Hai xente que está matándose por entrar, non sei para qué. Déixolles o meu posto na RAG cando queiran. Estaba máis a gusto nos tempos de Paco del Riego, nos que había máis cordialidade e sentido de comunidade. E non estou criticando nada de agora. Só é que eu antes sentíame máis a gusto na Academia.”