“Que é unha autora? Inquérito a Chus Pato”

Entrevista de Arturo Casas a Chus Pato no 2009, publicada agora en Poesía Galega:
“- Arturo Casas: Chus, en que medida e en que niveis consideras que a poesía que escribes está afectada polo feito de saberes que en distintos momentos terá unha formulación presencial, coa túa voz, o teu corpo, a túa situación diante dun público?
– Chus Pato: A resposta é inmediata e verdadeira: ningunha relación, porque unha e outra vez o acto de escribir é autodeterminado, comeza e remata en si mesmo e non garda afinidade máis que consigo mesmo. Dito isto, as matizacións, tamén verdadeiras, son longas.
Unha e outra vez, e van preto de vinte anos, leo os meus textos en público e en privado. Leo en privado cando preparo unha lectura para o público. Ensaio, por así dicilo. O que sucede é que da propia escritura agroma unha voz e uns movementos corporais que se axustan sen violencia e en harmonia ao texto; móvome, tanto se estou sentada coma se estou en pé, a voz é xeralmente moi lenta, respiro e escoito a respiración, escribo novamente o poema ao dicilo e trasládome ao(s) momento(s) de escritura, sinto un determinado pracer, estou a soas coa miña escritura e sei como debo dobrar o texto coa voz e co corpo.
Cousa moi diferente sucede cando leo en público. Ler en público causoume durante anos unha perturbación intensa, o único que eu desexaba era rematar canto antes, saír de alí, sentía unha vergonza difícil de explicar, tiña que ver con que non me sentía autorizada para ler (impor) ante un público o que eu escribía. Desconfiaba non dos textos, senón de min e —peor aínda— do propio público. Pensaba que seguramente estaban alí por razóns que nada tiñan que ver co que escribía, por razóns políticas por poñer un caso, isto naturalmente ten que ver con feito de pertencer eu a unha literatura de resistencia, feito que fai confusos os límites entre a defensa da lingua e da nación e a soberania do poema (a primeira lectura pública que eu realicei foi nun mitin contra a OTAN). Digamos que sempre sospeitaba que o público estaba alí por razóns extraliterarias. (…)”.