Convocado o X Certame de relato curto en galego Concello de Mugardos

O Concello de Mugardos, a través da Concellaría de Política Lingüística, convoca a décima edición do Certame de Relato Curto en galego Concello de Mugardos.

BASES

Primeira: Poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, sen límite de idade.
Segunda: Os relatos terán unha extensión máxima de 10 folios. Serán realizados obrigatoriamente en lingua galega. O tema será libre. Deberán presentarse en formato DIN A4 por unha cara, mecanografados a dobre espazo, corpo de letra 12 e encabezados polo título. Os textos terán que ser orixinais, inéditos e non premiados en calquera outro tipo de concurso.
Terceira: Estabelécense dúas categorías nas que o xurado designará un/unha gañador/a por categoría.
* até 18 anos.
* e maiores de 18 anos.
O premio de cada unha das categorías consistirá nun bono para mercar libros en galego. Para os relatos infantís haberá Mencións Especiais con diploma acreditativo e lote de libros, se o xurado o considera oportuno.
* até 18 anos: o premio será un bono por valor de 300 euros.
* maiores de 18 anos: o premio será un bono por valor de 400 euros.
Cuarta: As/os participantes poderán presentar até un máximo de 3 relatos pero só terán opción a un premio. Achegaranse tres copias sen asinar dentro dun sobre pechado que especificará no exterior o pseudónimo elixido polo/a autor/a, a categoria a que se presenta e o nome do certame. Dentro deste sobre incluirase outro sobre pechado, co pseudónimo no exterior, que conterá fotocopia do documento de identidade e unha cuartilla co nome, apelidos, idade, enderezo completo e teléfono do/a autor/a. Se é posíbel xuntarase soporte informático do relato.
Quinta: O prazo de entrega dos relatos é durante todo o mes de abril. Presentaranse no rexistro de entrada do Concello de Mugardos ou enviaranse mediante correo certificado ao seguinte enderezo indicando: X CERTAME RELATO CURTO CONCELLO DE MUGARDOS, Concellaría de Política Lingüística do Concello de Mugardos, Avenida de Galicia, 45. 15620 Mugardos (A Coruña), segundo o estabelece a Lei de Réxime Xurídico do Procedemento Administrativo Común no Art. 38.4.
Sexta: O xurado, designado polo Concello de Mugardos, emitirá o seu ditame o 17 de maio, Día das Letras Galega, dando cumprida notificación deste nos xornais de maior difusión no concello e na Comunidade Autónoma. Os premios poderán ser declarados desertos.
Sétima: O Concello de Mugardos resérvase a propiedade dos relatos premiados, así como os dereitos de publicación das obras premiadas nos medios que considere oportunos. Neste sentido o/a autor/a renuncia a favor do Concello a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor. Os relatos non premiados permanecerán na casa do concello, a disposición dos seus autores/as, durante os dous meses seguintes á entrega de premios. Transcorrido este período, os que non foran reclamados serán destruídos.
Oitava: O acto de entrega de premios comunicarase no momento oportuno.
Novena: A participación nesta convocatoria implica a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como a decisión do xurado que será inapelábel.

Mugardos, 16 de febreiro de 2012

O alcalde

Xosé Fernández Barcia”