Parlamento das Letras: Olga Novo

Entrevista de Armando Requeixo a Olga Novo, no seu blogue Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?
– Olga Novo (ON): Ningún. Escribo como vivo, con entusiasmo natural e naturalidade entusiasmada. Non necesito nada especial para escribir, soamente o pulo vital que me leva a facelo. Ademais, eu creo que as poses literarias contradín a propia poesía. (…)
– AR: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– ON: Eu penso que cada quen debe ser libre de buscar a súa propia verdade literaria, alleo/a a modas e a correntes máis ou menos efémeras. Eu creo na independencia radical e, polo tanto, tamén na máis total e profunda independencia creadora. Creo precisamente que falta esta independencia e esta radicalidade. Penso que nas letras galegas, coma na literatura universal, falta Poesía e sobra Literatura, no sentido que a estas palabras lle deu Verlaine. (…)
– AR: Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.
– ON: Na miña poesía, coma na miña vida, gustaríame que rexese esta máxima pompeiana escrita sobre un dintel, acompañando unha imaxe fálica: HIC HABITAT FELICITAS –Aquí habita a felicidade-, quizais a máis fonda revolución individual e, polo tanto, literaria e que, como quería Pascal, por fin lle quitemos a venda dos ollos a Eros e amor poida contemplar as belezas múltiples coa soa lucidez que importa.”