Bases do Premio Abertos ao Galego 2012

Abertos ao Galego é un proxecto da Mesa pola Normalización Lingüística para avanzar na normalización do idioma de Galiza no ámbito empresarial.
O Premio Abertos ao Galego quere contribuír a este obxectivo e implicar o conxunto da sociedade na súa consecución.
Para isto, o Premio Abertos ao Galego outorgaranse de acordo coas seguintes

BASES

1. O Premio Abertos ao Galego concederase anualmente a unha empresa que se distinga no uso normalizado da lingua galega.
2. As candidaturas para o Premio Abertos ao Galego poden presentarse de calquera das seguintes formas:
– Os membros do xurado poden propor unha ou varias empresas.
– Calquera empresa ou particular pode presentar unha ou varias candidaturas enviando á sede da Mesa pola Normalización Lingüística (Avenida de Lugo, 2A entresollado A, 15702 Santiago de Compostela) ou por correo electrónico (abertosaogalego@amesanl.org) unha proposta que inclúa o nome e datos de contacto da empresa xunto cunha explicación da candidatura na cal se incida no uso do galego que se fai desde a empresa candidatada.
– Todas as empresas que formen parte de Abertos ao Galego son candidatas.
3. O prazo para a presentación de candidaturas remata o día 2 de maio de 2012. Para as candidaturas remitidas por correo postal, admitiranse candidaturas enviadas até esa data, que se reciban antes da data da reunión do xurado.
4. O xurado do Premio Abertos ao Galego estará conformado polos compoñentes da Comisión Permanente da Mesa pola Normalización Lingüística, e a partir da segunda edición incorporarase ao xurado un representante da empresa gañadora na edición anterior. Tamén serán convidados a formar parte do xurado unha asociación de consumidoras/es e unha entidade asociativa do ámbito da empresa (cámaras de comercio, asociacións empresariais… ). A presidencia do xurado recaerá na presidencia da Mesa pola Normalización Lingüística.
5. O xurado seleccionará a empresa premiada tendo en conta os obxectivos e finalidade do premio, e pode optar por deixalo deserto. A súa decisión será inapelábel.
6. As persoas que remitiron candidaturas a título particular entrarán no sorteo dun lote de produtos das empresas de Abertos ao Galego. Para poderen participar no concurso é imprescindíbel que se teñan identificado con nome, apelidos, número de carné de identidade, teléfono e enderezo postal. Toda esta información xestionarase de acordo co disposto na Lei 15/1999, de protección de datos de carácter persoal.
7. As empresas candidatas, para poderen manter esta condición, deberán acceder a facilitar información ao xurado en relación cos usos lingüísticos que practican interna e externamente.
8. Os premios serán entregados nun acto público ao cal se dará difusión polos medios que determine A Mesa pola Normalización Lingüística.
9. O premio, ademais de no seu carácter simbólico, materialízase na pertenza ao proxecto Abertos ao Galego por un ano para a empresa gañadora. Na portada da páxina web da Mesa pola Normalización Lingüística figurará o logotipo da empresa gañadora cada ano.
10. As empresas premiadas poderán mencionar na súa comunicación externa e interna a posesión deste premio.”