Francisco X. Fernández Naval: “Como narrador interésanme os seres humanos comúns”

Entrevista de Armando Requeixo a Francisco X. Fernández Naval en Criticalia:
“(…) — Armando Requeixo: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Francisco X. Fernández Naval: Fáltalle compromiso e promoción. Compromiso por parte da sociedade galega e promoción por parte das institucións. Coordino dende hai dous anos un club de lectura en galego na biblioteca Miguel González Garcés da Coruña e podo percibir que os lectores gozan dos libros que len, tendo en conta que lemos un libro cada 15 días e que imos traballando varias liñas: clásicos que xa non están e outros vivos, autores contemporáneos, incluíndo as e os máis novos. Para moitos deles é unha sorpresa marabillosa descubrir unha literatura tan rica, tan plural, tan ben escrita. Hoxe, aínda con algunha eiva, a literatura galega responde á sociedade da que nace e dialoga coas outras literaturas do mundo. Porén, a maioría dos galegos ignoran este feito e dáme a sensación de que a maior parte dos lectores posibles só reparan nos nosos escritores cando estes triúnfan fóra. Penso, tamén, e niso concordo con Xurxo Borrazás, que non escribimos literatura galega, facemos literatura que é galega pola lingua, sabendo tamén que a sociedade na que o escritor vive reflíctese na súa escrita.
Tamén falta protección. Non queremos unha literatura subvencionada, pero todas as administracións da nosa contorna apoian as súas literaturas cun compromiso maior que o que existe aquí e, ao cabo, todos os sectores están subvencionados: os medios de comunicación, as eléctricas, a automoción, o téxtil, a pesca e o marisqueo, o viño… Sei do que falo, que polo meu traballo xestionei durante moito tempo axudas para os sectores produtivos, pero hai a quen se lle enche a boca cando fala de que esta nosa é unha cultura subvencionada.
Eu boto moito de menos, tamén, unha profesionalización maior, non dos escritores, si do sistema. Carecemos, por exemplo, de axentes literarios, algo esencial no mundo no que nos movemos. (…)”