Ramón Nicolás: “Sorprende a amizade entre Celso Emilio e Cela”

Entrevista a Ramón Nicolás en Dioivo:
“O crítico literario e investigador Ramón Nicolás publicará a finais de maio a súa agardada biografía de Celso Emilio Ferreiro. A obra atópase en proceso de maquetación e a Editorial Xerais pretende lanzalo ás librarías galegas a finais de maio e iniciar as presentacións na Feira do Libro do Vigo. Polo momento, a obra de Nicolás non ten un título definitivo, mais a editorial manexa como provisional Celso Emilio Ferreiro. No rodicio da vida. Esta será unha biografía de gran dimensión, apoiada nunha ampla documentación e que busca diferenciarse doutras obras xa realizadas sobre a vida do poeta celanovés. “Non quixen facer unha biografía literaria como a que realizou o profesor Xesús Alonso Montero. Neste libro sacrifico o que sería tecer interpretacións sobre as obras literarias para centrarme no seu mundo, na súa vertente máis persoal e vital”, explica Ramón Nicolás. (…) A estrutura do libro responde a unha biografía ao uso baseada nunha diversa documentación, pero o autor permitiuse certas licenzas para ir un pouco máis alá. “Trátase dunha biografía canónica, con moitos documentos e que segue unha liña cronolóxica. Pero, ao mesmo tempo, intercálase algún capítulo que relata momentos da vida de Celso Emilio Ferreiro cun xeito ficcional”, admite Ramón Nicolás (…).
Para elaborar a biografía, Ramón Nicolás -investigador que leva anos furando na vida e obra de Celso Emilio- mergullouse nun amplo conxunto de documentos, gran parte cedidos pola Fundación Celso Emilio Ferreiro. Entre eses pegadas do pasado, o biógrafo tamén tivo acceso á correspondencia do escritor. “Consultei o epistolario que el tiña, conservado no seu arquivo. Aí había unha gran serie de cartas que revelan moitas cousas do seu ámbito privado”, explica Nicolás, quen puido acceder principalmente ás cartas recibidas por Celso Emilio, xa que o poeta non adoitaba facer copias das que el enviaba. A través da correspondencia, Ramón Nicolás realiza unha análise da evolución ao longo dos anos das relacións que mantivo con determinados persoeiros. Cunqueiro, Luís Seoane ou Fernández del Riego foron algunhas das persoas coas que máis carteou. Non obstante, un nome que destaca entre todos pola longa relación e a sorprendente amizade é o de Camilo José Cela. “Como investigador, a relación entre Cela e Celso Emilio foi a que máis me sorprendeu. As cartas comezaron a finais dos corenta. Estableceuse unha amizade perenne, sen ningún conflito pese as diferenzas de carácter ideolóxico e político que mantiñan”, explica Nicolás. (…)”.