Entrevista de Armando Requeixo a Mariña Pérez Rei, no blogue Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– Mariña Pérez Rei: Creo que hai que enmarcalo nun proceso global que afecta a outras literaturas. Vese afectado por circunstancias que compartimos con outras linguas. Ten que ver con todo o que rodea o mundo da literatura: a aparición do libro electrónico, a crise económica, a crise de valores, escaso hábito de traballo e dedicación á lectura, a impaciencia, a présa por publicar, a sobrevaloración do inmediato, o desexo de acadar o éxito, o mercantilismo… Creo que sería fundamental que se reestruturase o mercado do libro. Esa calma obraría como un filtro. Todos teremos que reinventarnos, digo: libreiros, editores, lectores, autores… Por outra banda, creo que aínda que no caso do galego se arrastran dificultades de publicación ou de mercado, e aínda que o panorama vén marcado de raíz pola situación da nosa lingua, non se debería poñer en práctica unha literatura utilitaria, carente de orixinalidade. Tampouco determinar a nosa presenza no ámbito literario con valores cuantitativos e non pola súa relevancia como creación artística. Que importa se se publicaron tantos libros? Eu prefiro que se publiquen algúns libros determinantes. E se non é así, teremos que dicilo e asumilo, tampouco pasa nada. Boto en falta maior comunicación con outras literaturas peninsulares, a portuguesa, a éuscara, catalá… unha integración colectiva e unha conexión a nivel máis persoal; dígoo como experiencia enriquecedora a pé de terra, non estou a falar de actos institucionais para facer a foto de familia. Finalmente , gustaríame que houbese máis estudo crítico e unha boa formación da nosa crítica, e non me refiro a opinión, recensións, difusión etc., iso xa existe, senón estudo e contextualización nun marco máis amplo, mesmo a nivel internacional. (…)”.