O retorno ao recital

“Recitais en bares. Duascentas persoas reunidas para escoitar versos. Xente que paga unha entrada de dous euros para ver lecturas en voz alta. Nos últimos anos, unha vaga de propostas arredor da práctica de recitar poesía están a conseguir un importante seguimento social e preséntanse como un xeito cada vez con maior aceptación para se achegar a este xénero. (…)
Encol do éxito destas propostas, as súas promotoras apuntan a relativa facilidade da poesía para chegar ao público a través da oralidade. “Teño unha fonda fe no recitado poético como feito literario en si mesmo. A poesía ten unha capacidade oral e un carácter escénico que a diferenza doutros xéneros”, lembra Yolanda Castaño. “A lectura pública permítelle á xente descubrir un xeito máis directo e emocionante de se achegar á literatura”. No entanto, todas recoñecen que o fenómeno non é novo, e lembran a multiplicidade de recitais que existían no noso país durante os anos 90. “Daquela houbera un auxe moi grande que logo caeu. Dáse un certo movemento pendular que tamén vai por focos xeográficos, naquel momento era Santiago o que concentraba a maior parte das iniciativas”, lembra Castaño. Lado, pola súa banda, apunta que en xeral “está a se dar unha recuperación bastante grande dos recitais, logo do tremendo baixón que houbo. Hai moitas iniciativas e semella que a xente ten dentro a ansia de ver e de facer cousas”. Cociña, pola súa banda, coincide en que “antes había moitas máis iniciativas deste tipo, en Compostela mesmo se chegaba a dar contraprogramación. Agora si que é certo que se está a voltar un pouco ao recitado”. Encol da aceptación do público, apunta que “aínda que escoitar esixe concentración e estamos hiperestimulados, atopamos moita xente que, sen ter contacto previo coa poesía, descobren que lles gusta e repiten”.”