Neste esvaradío universo de multiples historias a imaxe non é o que está diante, senón detrás, ou máis aló, na fuxida, cara a unha existencia imaxinaria, son trazos de soños esquecidos. Foi unha tarde de liñas onduladas na que un fato de amigos/as apoiamos incondicionalmente a idea que tivo Xabier Docampo para festexar o -Día das Letras Galegas- (sen institucións de por medio) na cidade de A Coruña. O proxecto era moito máis que un xogo de equilibrios. Movérmonos sen “pasaporte”, tentar convertérmonos nun vector de forza cara a cultura do noso país, neste intre de ar asfixiante, enrarecido polo despropósito dunhas medidas que sempre van na contra dos máis desfavorecidos. A capacidade de resistencia e reacción atópase estreitamente unida ao vigor cultural dunha sociedade formada por cidadáns que non vasalos. Unha sociedade onde a clase dirixente (enténdase política e poderes fácticos) acouta o territorio da educación, sanidade e cultura está sementando vulnerabilidade e desasosego, e como consecuencia, ignorancia e medo. Un país sen cultura-liberdade-igualdade é un país bárbaro, escuro, enchido dun primitivismo perigoso que pode levármonos a incontabeis noites de inmsonio nun pozo sen fondo. Un grupo de persoas relacionadas co mundo da creación artística imos procurar unha caixa de luz para compartila con outros/as habitantes desta cidade que asoma ao mar. Unha caixa de palabras e sons que non sexan fotogramas borrosos da nosa identidade. Para celebrar o Día das Letras Galegas o 17 de Maio do 2012, tentaremos levar a cabo un estalido de luz que agrome na sombra da sombra. Percorrer espazos na procura doutros/as moradores deste destartalado planeta coa fin de ollármonos preto uns dos outros, procurando albiscar nas distancias curtas o escintileo que aínda habita neste asteroide á deriva. Hai que procurar unha esperanza para seguir loitando, para que non consigan matarnos os soños: o cabalo branco alado que trote-voe á beira da escuma unha noite de verán de lúa chea, onde as ondas sonoras sexan a banda musical, e o canto dos grilos o chamen a voar cara ao bosque ata dar alcance ao raio de lúa que esvara nun claro inesperado. Verémonos o 17 de Maio na area máis orgánica, borrando lindes nunha superficie compartida. Imos facelo dende a lingua dos nosos antergos, sen prexuízos, nin complexos, cadaquén dende as súas referencias, amosaremos atmosferas envoltas no bafo da nosa terra, a pegada identitaria do que fomos, somos e seremos : un pobo fértil de infindas posibilidades. Porén deste mundo disparatado, cavaremos alí onde pareza imposíbel, sempre se precisa xente máis heroica que un mesmo!
Datos do percorrido: Comezaremos o traxecto ás 19:00 horas na rúa Troncoso para rematar na rúa da Estrela. Entraremos nos locais previstos de antemán, estes terán un cartel identificativo; despois dun saúdo preliminar, as intervencións consistirán en cantar, ler, recitar ou dramatizar un apuntamento teatral, todas as actuacións serán breves. Agasallaremos aos presentes cun pousavasos con versos de Paz Andrade, a quen está dedicado este ano o -Día das Letras Galegas-. Remataremos ás 23:30 horas diante do Teatro Rosalía de Castro. Pretendemos compartir dun xeito lúdico o -Día das Letras Galegas-