A Coruña: Espazo compartido, no Día das Letras Galegas

Neste  esvaradío  universo  de  multiples  historias  a  imaxe  non  é  o  que  está  diante, senón  detrás, ou  máis  aló, na  fuxida,  cara  a  unha  existencia  imaxinaria, son  trazos  de soños esquecidos. Foi unha tarde de liñas onduladas na que un fato de amigos/as apoiamos incondicionalmente a  idea  que  tivo Xabier  Docampo para festexar o -Día das Letras Galegas- (sen institucións de por medio) na cidade de  A  Coruña. O  proxecto  era  moito máis que un xogo de equilibrios. Movérmonos  sen  “pasaporte”, tentar  convertérmonos  nun  vector  de  forza  cara  a  cultura  do  noso  país,  neste  intre  de  ar  asfixiante, enrarecido  polo  despropósito  dunhas  medidas  que  sempre  van  na  contra  dos  máis  desfavorecidos. A  capacidade de resistencia e reacción atópase estreitamente unida ao vigor cultural dunha sociedade formada por cidadáns que non  vasalos. Unha  sociedade  onde  a clase  dirixente (enténdase política e poderes fácticos)  acouta o territorio da educación, sanidade  e cultura  está  sementando  vulnerabilidade  e  desasosego,  e como consecuencia, ignorancia e  medo.  Un país sen cultura-liberdade-igualdade é un país bárbaro, escuro, enchido  dun  primitivismo  perigoso  que  pode  levármonos  a  incontabeis  noites  de  inmsonio  nun  pozo  sen  fondo. Un  grupo  de  persoas relacionadas  co  mundo  da  creación  artística   imos  procurar  unha  caixa  de  luz  para  compartila  con  outros/as  habitantes  desta  cidade  que  asoma  ao  mar. Unha  caixa  de  palabras  e  sons  que  non  sexan  fotogramas  borrosos  da  nosa  identidade. Para  celebrar  o Día  das  Letras  Galegas   o  17  de  Maio  do  2012, tentaremos  levar  a cabo  un estalido  de  luz que  agrome  na  sombra  da  sombra. Percorrer  espazos  na  procura  doutros/as  moradores  deste  destartalado  planeta coa  fin  de  ollármonos  preto  uns  dos  outros, procurando  albiscar  nas  distancias  curtas  o  escintileo  que  aínda  habita  neste   asteroide  á deriva. Hai que  procurar  unha  esperanza  para  seguir  loitando,  para  que  non  consigan  matarnos  os  soños: o  cabalo  branco  alado  que  trote-voe  á  beira  da  escuma  unha  noite  de  verán  de  lúa  chea, onde  as  ondas  sonoras  sexan a  banda  musical, e  o  canto  dos  grilos  o  chamen  a  voar  cara  ao  bosque  ata  dar  alcance  ao  raio de lúa que esvara nun claro  inesperado.  Verémonos  o  17  de Maio  na  area  máis  orgánica, borrando  lindes  nunha  superficie  compartida. Imos  facelo  dende  a  lingua  dos  nosos  antergos, sen  prexuízos, nin  complexos, cadaquén dende  as  súas  referencias,  amosaremos  atmosferas  envoltas  no  bafo  da  nosa  terra, a  pegada  identitaria  do  que  fomos, somos  e  seremos : un  pobo  fértil  de  infindas  posibilidades. Porén  deste  mundo  disparatado, cavaremos  alí  onde  pareza  imposíbel, sempre  se  precisa  xente  máis  heroica  que un mesmo!
Datos do percorrido: Comezaremos  o  traxecto  ás  19:00  horas  na rúa Troncoso  para  rematar na rúa da Estrela. Entraremos nos locais previstos de antemán, estes terán un cartel identificativo; despois dun saúdo preliminar, as intervencións consistirán  en  cantar, ler, recitar ou dramatizar un  apuntamento  teatral, todas  as  actuacións  serán  breves. Agasallaremos  aos  presentes  cun  pousavasos  con  versos  de  Paz  Andrade,  a  quen  está  dedicado  este  ano  o  -Día  das  Letras  Galegas-. Remataremos  ás  23:30  horas  diante  do  Teatro  Rosalía  de Castro. Pretendemos  compartir  dun xeito lúdico o -Día das Letras Galegas-

Olga Patiño Nogueira