Parlamento das Letras: Xabier P. DoCampo

Entrevista de Armando Requeixo a Xabier P. DoCampo no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Xabier P. DoCampo (XPD): Estou seguro de que nada lle sobra. Non hai ningún libro no que non encontres algo, aínda que sexa pequena cousa, meritorio dabondo coma para indultalo da fogueira do desprezo. Escóitase ás veces dicir que se publica demasiado, non, nunca por moito pan é mal ano. Adiante con outro libro máis, adiante con outra persoa que pense: eu tamén teño algo que dicir, e a continuación diga, vouno contar. Despois será o lector o que sancione, o que vexa se ese libro novo lle di algo novo de si mesmo, do lector, ou se só di do autor, porque entón dificilmente atraerá a alma de quen le o libro, por moi interesante que lle pareza ao autor todo aquilo que conta. E que nos falta? Fáltanos país con ambición de selo. Xente que abra os ollos ao que somos e ao que temos e se recoñeza. Lectores e lectoras, persoas que anden á procura do nome dos seus sentimentos e saiban que a lectura está precisamente para iso, para nos axudar a poñer nome aos nosos sentimentos e, así, facelos vida. Porque a literatura, coma toda a arte, está aí para nos axudar a sermos o que somos e non outra cousa. (…)
– AR: Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XPD: Se entendemos como presente o que se anda a publicar nestes últimos anos, gozo moito ao comprobar que cada ano aparecen unha ou dúas obras de moi alta calidade. Sempre hai un poemario ou unha novela que che enchen o corazón de gozo e de esperanza. Cada ano hai algo que fai que acredites na inmortalidade da nosa literatura.”