Henrique Monteagudo: “O vaivén das xeracións”

Artigo de Henrique Monteagudo en El País:
“A traxectoria da cultura galega, coma a das demais culturas, está atravesada por liñas de continuidade e ruptura, pola vontade de esquecer tanto como pola ansia por (re)lembrar. Cada xeración reescribe o pasado en función da súa propia experiencia, das súas necesidades presentes e do futuro que imaxina, salientando ou apagando determinados feitos, traendo á luz ou revalorizando personaxes previamente ignorados, tecendo novas interpretacións. Por parte, é unha lei histórica inexorable que cada xeración elabora a súa versión do pasado en contraste, cando non en aberta polémica, coa xeración precedente.
Comecei a apercibirme disto cando me puxen a esgaravellar na fase formativa da que a posteridade coñecería como Xeración Nós. Os que máis tarde serían os seus persoeiros comezaban a afirmarse a partir de 1916 lanzando críticas aos “nobres precusores”. Nos inicios da década dos ’20, un dos albos preferidos das súas diatribas era a Real Academia Galega, por dedicarse, segundo eles, “ao estudo das cousas vellas da nosa Terra coma ás dun país finado. Se fan un diccionario danlle xeito de panteón da nosa lingua. Se fan un boletín convérteno en eco morto de cousas pretéritas. Soamente miran para atrás” (Antón Vilar Ponte). Seguindo unha pauta típica, ao longo dos anos seguintes, as principais figuras desa xeración pasarían a formar parte da mesma Academia que acedamente (e con razón) censuraban. (…)”