Marcos Calveiro: “Palabras de auga achega aos nenos outra realidade que non existe nos videoxogos”

Entrevista a Marcos Calveiro en Atlántico Diario, desde Xerais:
“Marcos Calveiro é xa un nome ben coñecido dentro da literatora xuvenil e tamén de adultos. “Eu non distingo cando fago unha novela a que público vai dirixida”, confesa este autor vilagarciano, aínda que afincado dende a súa infancia en Vigo. Gañador de numerosos premios (entre outros, foi Premio da Crítica 2008) só lle faltaba nos seus andeis o Premio Merlin, que outorga Xerais, o máximo galardón para un señor galego de literatura xuvenil, e que lle foi entregado o pasado sábado en San Simón. A obra premiada, Palabras de auga, traslada ao lector cara ao interior da África máis profunda. O escritor confía en vela publicada, como libro ilustrado, o vindeiro mes de setembro.
– Atlántico Diario: Que é Palabras de auga?
– Marcos Calveiro: O título é unha pequena imaxe poética, unba metáfora, porque trata dunha tribo nun lugar indeterminado de África que está no medio da sabana, no medio das secas, esfameada, fuxindo das guerillas, da violencia e da fame. Palabras de auga alude a iso, a que non teñen auga. Alude a unha situación desesperada na que teñen que buscar o alimento mentres agardan a que o chamán reciba a inspiración dos deuses e decida sobre o seu futuro. A historia narra, en capítulos alternos e a través de flashbacks, como chegaron ata ese momento, todo visto polos ollos de un neno de once anos que se chama Amadou.”