Agustín Fernández Paz: “Se colectivamente non temos unión, acabaremos sendo invisibles”

Entrevista a Agustín Fernández Paz en Dioivo:
“(…) – Dioivo (D): Que sente un ao recibir tantas homenaxes?
– Agustín Fernández Paz (AFP): A ver, eu tiña avisados a Xabier P. DoCampo e Manuel Bragado de que xa me chegaba. No último ano tiven varias homenaxes en diversos sitios. A verdade, doume por máis que homenaxeado. Agora ocorréuselles montar esta… Obviamente, eu acéptoa. Acéptoa con cariño e con emoción, pero son consciente de que a min me están a coller como cabeza visible para homenaxear a toda unha xeración que xa está de retirada. Eu asumo con gusto e con satisfacción ese papel representativo que me outorgan, pero teño claro que hai moita xente con iguais ou maiores méritos para recibilo, como Bragado ou DoCampo. Eles teñen tantos coma min! Asumo encantado esta homenaxe e quero que sexa o máis agradable posible para todos os que asistan. Por iso, a miña intención é agasallar a todos cun conto inédito. Quero corresponder con algo da miña parte a toda a xente que vaia participar. (…)
– D: Vén de publicar varios libros nos últimos tempos…
– AFP: A partir de que me deron a noticia do cancro, vinme na obriga de estar máis tempo na casa. E alí o que fago é ler, escribir e ver moito cine. Entre iso e a medicación, levo todo mellor do que pensaba. En calquera caso, si, veño de publicar varias obras. Fantasmas de Luz, que trata precisamente sobre a crise e sobre o cine. Trata dun proxeccionista que queda sen traballo e que acaba por verse afectado por ese toque dos seres invisibles, deses que están no paro. Tamén publiquei As fronteiras do medo, que vén sendo un libro de terror, sen máis. E publiquei unha revisión de Aire negro, unha novela que xa vira a luz hai anos, pero que agora sae na colección de Narrativa de Xerais cunha portada moi chula de Nosferatu. Tamén vou publicar un libro co que levamos dous anos… Cando sabes que estás fastidiado, tomas as cousas doutro xeito. Hai necesidades que antes non sentía e quixen recompilar moitas cousas que levo escritas en moitos sitios. Conferencias, artigos que apareceron en sitios raros… E pedinlle axuda a Xerais e a Isabel Souto. Acabamos por facer unha selección moi drástica, había moito material e había que escoller. Sairá unha cousa de 200 e pico páxinas. Polo momento restrinxímonos a tres temas. No futuro haberá outros. (…)”