Crónica da Homenaxe a Agustín Fernández Paz en Praza:
“(…) Os aloumiños abrollaron dende o preciso momento en que Rosa Aneiros se puxo ao outro lado do atril. Co seu saúda, arrancou unha homenaxe na que os amigos, os familiares e os compañeiros de xeración de Fernández Paz reivindicaron o seu esencial esforzo nos eidos da literatura, o ensino e a normalización da lingua. “Agustín é sementador e semente, arado e terra. Agustín é terra e sementa na terra con maiúsculas”, aclamou o escritor Paco Martín, pai literario do Ramón Lamote, personaxe coa que se bautizou a xeración dourada da literatura infantil e xuvenil galega. O escritor lugués foi o primeiro en subir ao escenario do Auditorio de Policarpo Sanz para gabar a figura de Fernández Paz, do que destacou o seu esforzo docente. “É un referente obrigado para chegar a unha escola que sirva de alicerce para unha Galicia mellor”, lembrou Paco Martín. (…)
“Ti empeñácheste na dignificación da literatura infantil e xuvenil, de sacala da invisibilidade, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras”, asegurou o tradutor e profesor Xavier Senín, quen chegou a designalo como “embaixador da nosa identidade”. Pola súa banda, Xosé Lastra, de Nova Escola Galega, encargouse de lembrarlle o auditorio o papel desenvolvido polo homenaxeado na normalización da lingua no ensino. “Tiñamos que facer algo para que a nosa lingua tivese o espazo axeitado no ensino. Fixemos un longo camiño de normalización até chegar a estes tempos, que se volveron nefastos”, asegurou.
Xabier P. DoCampo, quen pasou todo o acto centrado na organización, incidu no carácter nacional da homenaxe organizada por ProLingua. “É un acto nacional porque estamos aquí en representación da nación. Contigo, Agustín, somos nación. O que facemos aquí contigo é facer nación”, asegurou un DoCampo cuxo discurso, aínda que breve, foi dos máis significativos. (…)”