Lugo: comeza o Ano Ben-Cho-Shey

“Nun acto convocado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo o xoves 28 de xuño, inaugurouse o Ano Ben Cho-Shey, dedicado a este insigne galeguista, coa primeira das actividades que incluíu, ademais da intervención do delegado de Cultura da Deputación, a intervención de Xoán Ramiro Cuba, coordinador do Ano Ben Cho-Shey, así como unha proxección de fotografías: Lugo na cámara de Ben-Cho-Shey (importantes documentos fotográficos que son testemuñas históricas dunha época) que foi comentando e analizando o propio Xoán Ramiro Cuba, xunto á intervención musical a cargo de Antón Castro e unha lectura dramatizada de textos inéditos do Diario de Lugo de Ben-Cho-Shey, a cargo de Tereixa Campo e Paloma Lugilde. (…)
Xoán Ramiro Cuba, pola súa banda, destacou que “máis que homenaxealo postmortem o que pretende a Área de Cutura coa organización deste ano é dar a coñecer a todo os galegos e galegas a vida e a obra de Ben-Cho-Shey, queremos que Galiza coñeza esta figura tan inxustamente esquecida e arrecantada e recoñeza a verdadeira dimensión deste intelectual que traballou sempre por amor a Galiza cun compromiso esforzado e inquebrantable. Dese compromiso e dos seus froitos dános unha idea moi clara Xosé María Álvarez Blázquez cando di: “Ben-Cho-Shey é o galego máis galego que teño coñecido. Atesoura a xenerosidade dun Otero Pedrayo, o entusiasmo dun P. Sarmiento, a sabencia folklórica dun Risco, o patriotismo dun Castelao. Se houbese que facer un desfile de galeguismo, Ben-Cho-Shey sería o abandeirado”.” Vía Vicepresidencia da Deputación de Lugo.