Parlamento das Letras: Xesús Constela

Entrevista de Armando Requeixo a Xesús Constela no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Xesús Constela: Téñoo clarísimo. Non paro de darlle voltas a este tema. Ás nosas letras fáltalles a creación dunha boa industria literaria. E non falo só de editores e editoriais. Falo de axencias. Falo de promoción tanto interior (practicamente inexistente) coma exterior (menor hoxendía cá do viño albariño ou os mexillóns). Fáltalles un bo recoñecemento institucional. Falta un bo premio nacional de literatura dotado cunha boa cantidade de cartos para aqueles que dedicaron a súa vida enteira á escrita no noso idioma (e véñenme á cabeza moitos nomes). Falta posibilidade de profesionalización por parte dos/as escritores/as. Os libros galegos están escritos no tempo de lecer dos seus autores. A profesionalidade do autor é unha entelequia imposíbel de acadar no noso sistema literario e, aínda así, creamos unha escrita de inmensa calidade. Xa lles gustaría a moitos países ter autores/as da categoría dos que abundan por estes lares! Cunha boa promoción internacional seriamos a envexa de medio mundo. E non teño ningunha dúbida ao respecto. Ningunha.
Ás veces é moi desalentador ver o panorama promocional/ industrial/ institucional no que se move a nosa literatura. Cando un entra na meirande parte das librarías case ten que mergullar (sen tubo nin gafas nin bombona, chámase apnea?) para atopar o lugar onde está agachada a literatura en galego, se é que a hai! A literatura galega nos xornais de meirande tirada aparece, se é o caso, cara ao final, no lugar que deixan libre os obituarios (máis mortos igual a menos libros). Iso son as páxinas de cultura. Para a prensa do país é máis importante o nacemento dun xato de cinco patas que a edición dunha novela de gran calidade literaria. Os programas de libros na radio ou na televisión, os moi poucos que hai nun país con gran tradición literaria, divúlganse a horas intempestivas cunha audiencia potencial de somnámbulos varios e zapeadores desesperados. E aínda así creamos obras de calidade! Á literatura galega non lle sobra nadiña de nada. Fáltalle unha inmensa morea de cousas realmente necesarias. (…)”