Fran Alonso: “A realidade é inverosímil”

Entrevista de Camilo Franco a Fran Alonso en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿O punto de arranque da novela [A punta de pistola] é un feito real?
– Fran Alonso (FA): Ocurriu no 2006 e xa cando o lin daquela quedoume a idea de que a realidade vai máis alá que a ficción. Para min como escritor o principal problema literario da novela era facer verosímil unha historia que era certa pero que, de entrada, non o parece porque non semella verosímil que os pais secuestren aos fillos a punta de pistola. Ás veces, a realidade é inverosímil.
– LVG: É unha historia da que un editor diría que é pouco realista.
– FA: En canto a ese punto de partida, si. A miña preocupación era darlle verosimilitude a unha historia real para facer unha ficción. Ese foi o reto. Para cumprilo traballei moito na caracterización dos personaxes e na linguaxe, que é descarnada e directa. Hai unha violencia na historia, pero é unha violencia verbal que lle dá coherencia aos personaxes porque o pai e a nai non poden falar como se procedesen doutro lugar, teñen que falar dese xeito violento que os caracteriza. (…)”