O Centro Dramático producirá dúas obras de Roberto Vidal Bolaño

Con ocasión Día das Letras Galegas dedicado a Roberto Vidal Bolaño en 2013, o Centro Dramático Galego presentou a programación especial coa que quere lembrar un dramaturgo fundamental para a escena do país. Deste xeito, o vindeiro mes de abril está prevista a estrea dunha montaxe para público adulto a partir do texto Días sen gloria, que iniciará despois unha xira por todo o país ata xuño. Para o segundo semestre do ano estrearase a obra infantil Touporroutou da lúa e do sol, que pretende percorrer centros de ensino. Para alén destas producións propias do CDG, o programa desta entidade en homenaxe a Vidal Bolaño inclúe tamén un ciclo audiovisual no que se proxectarán as gravacións das diferentes obras do autor, incluíndo un coloquio nun formato que pretende recuperar o espírito dos cineclubes. O programa desenvolverase no propio Salón Teatro e mais na Escola de Arte Dramática de Vigo. Lecturas dramatizadas a cargo de alumnos das aulas de teatro universitarias de Santiago, Vigo e Ourense é outra das propostas do programa. Para rematar, o CDG porá en marcha o Premio Roberto Vidal Bolaño ao espectador, polo que un xurado composto por traballadores do Centro premiará as mellores propostas e suxestións que faga o público do Salón Teatro. (…)” Vía Cultura Galega.