Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Hai cousa dun mes un amigo púxome en contacto con Lur Sotuela, director da revista El invisible anillo, subtitulada Poesía, arte y literatura, publicación que particularmente descoñecía. Sotuela solicitoume un artigo arredor de cuestións biográficas e literarias de Celso Emilio Ferreiro e acabo de recibir un exemplar, subtitulado «Érase una vez… Galicia», que testemuña o excelente coidado que depositan desde a editorial Eneidanunha arriscada, heroica e marabillosa aventura que é, hoxe en día, soster unha revista destas características, nesta ocasión dedicada na súa totalidade á poesía galega, caracterizada no limiar como «de una riqueza abrumadora» e «fecunda y deslumbrante», mentres xa dispoñen no mesmo selo unha antoloxía que aparecerá no mes de outono baixo o título de Sinfonía atlántica. Antología general de la poesía gallega. A revista en si, inmellorable desde un punto de vista estético, conta con ilustracións ad hoc de Ginés Liébana, poeta e artista cordobés da xeración do grupo Cántico, e articula unha viaxe que vai mesturando mostras de voces clásicas como as de Rosalía, Pondal, Curros, Cabanillas, Otero, Pimentel, Novoneyra, Álvaro Cunqueiro ou Celso Emilio (en versións bilingües) até poetas dos nosos días como Méndez Ferrín, X. Mª Álvarez Cáccamo, Cesáreo Sánchez, Xulio L. Valcárcel, Darío X. Cabana, Claudio Rodríguez Fer e César A. Molina, onde boto en falta voces femininas, que as hai con talento e valía ben demostradas. Alén diso, incorpóranse diversos ensaios nucleados arredor de diversos aspectos da obra rosaliana, a cargo de Carmen Blanco e Arcadio López-Casanova; deténdose na figura de Álvaro Cunqueiro, cunha interesante lectura de C. Clementson; reparando na reescritura dos contos de fadas na poesía galega de hoxe a través da visión de Teresa Seara ao que se engaden unha serie de reflexións sobre o mundo clásico na poesía galega, subscritas por Carlos Beck. (…)”