Faleceu Avelino Pousa Antelo

Hoxe, 20 de agosto, faleceu Avelino Pousa Antelo aos 98 anos de idade. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG, quere manifestar o seu pesar pola perda da persoa, do intelectual, do activista, que foi para nós, e especialmente para as xeracións máis novas, memoria e exemplo de entrega ao noso país.
Por medio deste comunicado a AELG quere darlle o pésame aos seus familiares. Ao tempo queremos honrar a figura de quen mantivo viva para nós a mensaxe e as vivencias de Castelao e de todos os galegos e galegas que loitaron arreo pola nosa nación, pola nosa lingua e pola nosa cultura.
Avelino Pousa Antelo fixo honra do que el mesmo definiu como galego, pois tivo como divisa o engrandecemento de Galiza, creu nela, creu que todos os galegos e galegas “temos un deber inexcusable de traballar polo engrandecemento da nosa terra” e quixo que isto fose en todos os aspectos: cultural, social e económico.
O seu compromiso con Galiza levouno a traballar en diferentes ámbitos e a manter viva a memoria do tempo das Mocidades Galeguistas, a doutrina de Castelao ou Bóveda. Así Avelino déixanos sendo o Presidente da Fundación Castelao, da Fundación Pedrón de Ouro e membro da Fundación Alexandre Bóveda, cargos que nos trasladan a vitalidade do seu compromiso máis alá da idade, mantendo vivo o espírito do mozo que un día asistira ao mitin de Castelao no Teatro Principal de Compostela.
A AELG, que o recoñeceu co nomeamento de Bo e Xeneroso no ano 2004, lamenta esta enorme perda e desexa que a súa obra e o seu exemplo fiquen na memoria de todas e todos nós e que nunca esquezamos a Avelino nin os motivos da súa entrega, que non esquezamos que foi para el tarefa central vencellar a nosa mocidade “á tarefa que, como galegos, a todos nos afecta e obriga: a de loitar sen acougo pola mellora material, cultural e social da nosa Terra e da nosa xente.”
Desde a AELG convidamos a todas as galegas e os galegos a despedir a Pousa Antelo invocando aqueles seus versos: “Voltará da aurora / a luz temerosa, / e, na Patria nosa / voltará a brilar / a branca bandeira / co azul do ceo / ó compás do vento, / ¡ doce libertá ! / E nos nosos peitos, / e nas nosas vidas, / espranzas fuxidas / que retornarán, / encherán a Terra, / encherán os ventos / con novos alentos / na terra e no mar”.
Prezado Avelino, a túa memoria fica en nós!