A Coruña: obradoiro de creación literaria impartido por Yolanda Castaño, do 12 de setembro ao 7 de novembro

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coa colaboración da Biblioteca Municipal Ágora do Concello da Coruña e a Xunta de Galicia, organiza un Obradoiro de Creación Literaria impartido por Yolanda Castaño, do 12 de setembro ao 7 de novembro de 2012.
Con esta iniciativa, a AELG desenvolve un dos seus obxectivos: dar a coñecer o sistema literario como elemento configurador en sentido amplo do concepto de cidadanía e de pertenza a un sistema cultural. Considerando, pois, que o benestar persoal e colectivo non descansa unicamente na suficiencia económica, e que se basea principalmente no goce dunha cultura normalizada, respectuosa coa tradición para, desde aí, abrirse ao futuro.
Non son poucas as persoas amantes da poesía ás que lles apaixona vivila non só dende unha postura máis pasiva –como lectores e lectoras- senón tamén activa, sendo os protagonistas e axentes da súa propia escrita, poñendo en práctica a súa creatividade e puíndo paso a paso o seu estilo.
Se non sempre se conta coas ferramentas axeitadas para desenvolver o propio talento, encarreiralo axeitadamente e explotalo para obter os mellores resultados, este obradoiro proporciona ese espazo, tempo e ambiente que os fomente. Coordinado por unha escritora recoñecida, cunha traxectoria profesional de 18 anos ás súas costas, serán dous meses cunha orientación decididamente práctica, na que se propoñerán exercicios de estimulación creativa, comentaranse os principais erros á hora de afrontar un texto poético e trazaranse estratexias para evitalos, artellando un estilo propio.
Anímate a compartir a túa fascinación polo misterio da poesía con persoas que tamén senten a túa mesma necesidade de dar forma escrita ás emocións.

INSCRICIÓN: do 20 de agosto ao 09 de setembro, a través desta web.
REQUISITOS: maiores de 16 anos.
ENDEREZO: Centro Ágora (Rúa Ágora, A Coruña).
DATAS: os días 12/09/2012, 20/09/2012, 26/09/2012, 03/10/2012, 10/10/2012, 17/10/2012, 24/10/2012 e 07/11/2012.
HORARIO: de 20:00 a 22:00 horas.
PREZO: De balde.
PRAZAS: 20.

Máis información na Biblioteca Municipal Ágora, correo electrónico bagora@coruna.es, Rúa Ágora s/n. 15010 A Coruña. Teléfono: 981 189 886. De luns a venres: de 10:00 a 14:00 h. e de 16:30 a 20:30 h.