A Coruña: obradoiro O ollo da arte, a cargo de Antía Otero

O ollo da arte é un obradoiro impartido por Antía Otero onde se pretende ofrecer unha alternativa ás aulas propiamente académicas ao redor da experimentación e da arte contemporánea. Para iso, créase un espazo de convivencia ao redor de elementos tan importantes como a mirada, a expresión e os procesos artísticos, fomentando o desenvolvemento da imaxinación, da creatividade e das capacidades e habilidades artísticas de cada un dos participantes. Botando man de disciplinas moi diversas que van dende a fotografía ao collage, ou do video á arte urbana, pasando por outras como a performance ou o cinema experimental, no Ollo da Arte plantexamos un programa que, dividido en sesións teóricas e prácticas, nos permita ser o máis conscientes posible do acto creativo e das ferramentas das que dispoñemos para chegar a el a través da experiencia propia, mais tamén do debate e da aprendizaxe grupal.
Celebrarase todos os luns entre o 1 de outubro e o 21 de xaneiro, de 19:00 a 21:00 horas (30 horas en total), na aula de obradoiros de Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña. O prezo é de 35 euros para membros da comunidade universitaria (25 euros en segunda matrícula) e 55 euros público xeral (45 euros en segunda matrícula), con dous créditos solicitados de libre elección.
O prazo de matrícula comprende desde o día 1 ao 28 de setembro. Non hai preinscrición e a matrícula formalizarase por orde de chegada. Para constar entre os matriculados, os usuarios deberán entregar o xustificante de pagamento dentro do prazo indicado polo persoal do servizo.
Máis información aquí.