Entrevista de Camilo Franco a Ramón Nicolás en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Como cre que cambiou a perspectiva sobre o escritor [Celso Emilio Ferreiro] neste ano?
– Ramón Nicolás (RN): Malia que sería preciso gozar de maior perspectiva, cando menos estes oito meses transcorridos do centenario supuxeron unha inequívoca reactivación do Celso Emilio poeta, subliñando o feito de que a súa voz pertence a iso que se denominan «clásicos». Este ano permitiu redescubrir esoutros perfís que atesoura: un narrador de primeira liña, un extraordinario columnista, un político comprometido con Galicia e o seu futuro.
– LVG: ¿Que puntos de vista pode cambiar a súa biografía [Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro]?
– RN: Sobresae o labor titánico de organización dentro das mocidades do nacionalismo galego na época da segunda república, o labor poético creativo que seguiu realizando na guerra civil -aínda pouco coñecido-, como nuclea o galeguismo cultural resistente na Pontevedra dos anos corenta, como foi a súa actividade política clandestina nos anos sesenta e setenta, cal é a evolución das valoracións que os seus contemporáneos fan da súa obra poética ou como se proxecta a súa poesía a través de diversos movementos musicais. (…)
– LVG: Estamos asistindo a unha recuperación da valoración de Ferreiro como poeta. ¿Axudan os malos tempos?
– RN: É probable. O seu discurso literario é contemporáneo nas formas e nos contidos. Esa innegable vea reivindicativa que agroma aquí e acolá na súa obra resulta case unha profecía… Un dos poemas que estou moi contento de rescatar este ano titúlase O atraco, que comeza dicindo «Maus arriba e boa abaixo o pobo».”