Pezas para armar a vida de Celso Emilio Ferreiro

Reportaxe-entrevista de Daniel Salgado a Ramón Nicolás en El País:
““A Celso Emilio recoñéceselle o valor de clásico; niso, a posteridade foi xusta”, considera o biógrafo, “pero talvez falta ir máis alá de cuestións ideolóxicas”. Nun diagnóstico apurado, Nicolás avisa dos Ferreiros menos transitados e reclama atención para o narrador —“Os relatos d’A fronteira infinda forman un libro moi interesante”—, o xornalista de opinión que vive soterrado nas hemerotecas ou o divulgador da cultura galega “cando podía e como podía, e tamén cando non podía”. E iso malia que, explica, o escritor revitalizouse criticamente despois de atravesar certo deserto cando a dialéctica literaria, nos oitenta, o considerou a antítese do que debía facerse.
Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro emerxe dunha década de asexos e dous anos de labor intensivo. “Cousas da providencia laica”, chacotea o autor, “e de que me convenceron Luís Ferreiro [fillo do poeta] e do editor Bragado”. E irrompe nunha paisaxe, ao seu ver, “moi necesitada de biografías”. Ben pola dedicación que precisan, ben polo imán que supón o Día das Letras Galegas, o xénero non despega. “A min servíronme moito cousas como as de Marcos Calveiro ou Iago Martínez sobre Lois Pereiro e a de Murguía de Barreiro é moi interesante”, conclúe, “mais ¿para cando biografía de Rosalía, Curros ou Pondal?”.”