Premio da Bienal de Teatro Romaría Vikinga 2013-2014

“O Concello de Catoira e a Universidade de Santiago de Compostela, dentro do seu programa de actividades de promoción e sensibilización das culturas viquinga e galega e ó mesmo tempo co desexo de contribuír á creación teatral, convocan o premio de teatro-espectáculo Bienal Romaría Vikinga, coas seguintes bases:

1. As obras terán que ser inéditas e estar escritas en galego. O autor/a deberá ter en conta que se trata dunha representación popular na que participarán actores e actrices afeccionados, en gran número; e que a presentación comezará ó atardecer, e ó aire libre.
2. A organización e composición do xurado corresponderalle á USC e ó Concello de Catoira, e formarán parte do mesmo un representante do Concello de Catoira, tres persoeiros destacados do mundo do teatro e un representante da USC.
3. O tema deberá gardar relación con calquera dos moitos aspectos das incursións viquingas e a defensa das Torres, lendas, costumes, personaxes e símbolos, valores e sensibilidades propios do tema en Galicia. Sen saírse destes parámetros valorarase a creatividade e a orixinalidade.
4. A obra terá como escenario de representación o recinto histórico de Torres de Oeste, co cal poden formar parte da escenificación os elementos que o compoñen.
5. A representación da obra terá lugar na semana anterior ó día da Romería Vikinga (1º domingo de agosto).
6. O Concello de Catoira farase cargo da designación da persoa responsable da dirección da obra e de todo o referente a decorados e atrezzo, montaxe, materiais e vestiario.
7. Os actores e actrices serán afeccionados, que nacesen ou residan en Catoira. As persoas que participen no reparto da obra ceden ó Concello de Catoira os seus dereitos de imaxe con fins de reprodución, distribución e comunicación pública da obra teatral.
8. A presentación ó concurso esixe dous sobres adxuntos e pechados que conterán a seguinte documentación:
· Sobre A, incluirá os orixinais, mecanografados e por sextuplicado sen asinar, co título da obra e pseudónimo do/a autor/a que permita a súa posterior identificación, así como un precaderno de dirección no que se describa a posta en escena do espectáculo.
· Sobre B, incluirá o nome, teléfono e enderezo do autor/a, xunto cunha fotocopia do seu D.N.I. Por fóra, deberá ir o título da obra e o pseudónimo do/a autor/a. Ademais os/as residentes do concello escribirán Catoira no exterior do sobre.
Ambos sobres deberán ir pechados.
9. Prazo: os traballos poderán entregarse ata o día 30 de outubro de 2012, incluído, no seguinte enderezo:
Concello de Catoira
Rúa do Concello, 6
36612 Catoira-Pontevedra
Nese mesmo enderezo poderase recibir toda clase de información, ou a través do teléfono 986546014.
10. Premio: establécese un único premio de 2.500 euros para o texto teatral.
11. Ademais da calidade das obras, valorarase a viabilidade da súa posta en escena así como a innovación no libreto e que os autores non representaran obras en anos anteriores, co obxecto de dar paso a novas ideas e valores.
12. A resolución do xurado farase pública no mes de novembro de 2012 e seralles comunicada ós galardoados/as e difundida a través dos principais medios de comunicación.
13. O autor/a da obra premiada cede en exclusiva ó Concello os dereitos de reprodución, distribución, comunicación pública e transformación da obra, en todo o territorio da Unión Europea, para a súa explotación e execución teatral, edición e produción.
14. A determinación da publicidade corresponde ó Concello de Catoira e á USC.
15. O autor/a non percibirá ingresos de despacho de billetes.
16. Dado que a convocatoria do premio é bienal, entre os traballos presentados elixiranse as obras que se representarán nos anos 2013 e 2014. Á hora de elixir o segundo texto terán preferencia os residentes en Catoira, co fin de fomentar a creatividade e a afección polo teatro entre as persoas do municipio.
17. O xurado pode declarar deserto o premio se os traballos presentados non reúnen as condicións artísticas e de calidade suficientes.
18. A participación no presente concurso implica a aceptación das súas bases. Sen contradición con estas, para calquera detalle non especificado nelas, a organización resolverá no seu momento.”