“O Goberno central vén de aplicar unha drástica redución na asignación que o Ministerio de Educación e Cultura destina anualmente á Real Academia Galega nos Presupostos Xerais do Estado. O departamento que dirixe José Ignacio Wert aplicará de novo as xa célebres tesoiras ás axustadas contas da RAG, que pasarán dos 682.000 euros consignados no presente exercicio a exactamente a metade, 341.000 euros. Así consta no proxecto dos orzamentos do 2013 presentado polo Executivo de Rajoy, actualmente en proceso de trámite parlamentario, pendente aínda da súa aprobación definitiva e da posible introdución de emendas a proposta dos diferentes grupos. (…) Á vista destas cifras, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, anunciou onte que vén de remitir unha carta ao presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, para que asuma persoalmente a decisión de corrixir as contas elaboradas polo equipo de Wert, xa que considera que existe unha discriminación clara da RAG e das academias vascas e catalá fronte a institucións con moita menor actividade. «Neste caso non hai, como en anteriores ocasións, discriminación da Academia Galega fronte ás academias vascas e o Institut d’Estudis Catalans, que sofren todas un recorte do 50 % na súa partida, pero si hai unha discriminación das institucións de Galicia, Euskadi e Cataluña respecto ás academias españolas, ás que só se lles reduce un 39 % a axuda do ministerio», subliñou Ferrín. (…)”.