“O Centro Dramático Galego, a Escola Superior de Arte Dramática, a Axencia Galega das Industrias Culturais… todas as entidades públicas con competencias nas artes escénicas foron obxecto de comentario no marco da Xornada convocada por Escena Galega. Entre as principais conclusións das diferentes mesas de debate é que estas entidades non cumpren cos obxectivos cos que foron creados. Ante esa situación, os diferentes relatores incorporaron novos elementos ao debate reforzando a idea de que é servizo público e que así se debe incorporar. A política, profesora e sociolingüista Pilar García Negro destacou na súa intervención que “o teatro si ten un tempo e unha identidade, si ten lingua, polo que hai que supeditar todo euro público teatral á programación de compañías, grupos e obras galegas”. Outra das participantes na mesa, María Xosé Porteiro, engadiu un punto de vista a maiores desa vocación de servizo público ao dicir que “a cultura deber formar parte da nosa política exterior, a diplomacia cultural sempre é unha das que mellor funciona”. Puxo como exemplo que nos anos vinte se puido ver teatro en galego nas rúas de Bos Aires “algo que hoxe sería moito máis complicado”. A diferenza de modelo entre o neoliberal e o socialdemócrata no que atende á implicación do Estado no feito teatral marcou o discurso de Miguel Martín.” Desde Cultura Galega.