Marcos Calveiro: “Fago literatura, non libros de formación”

Entrevista a Marcos Calveiro en Atlántico Diario:
“Xogando no seu campo, Marcos Calveiro presentou a súa última obra, Palabras de auga, distinguida co Premio Merlín na súa última edición. Escolleu ao tamén escritor Agustín Fernández Paz como mestre de cerimonias: “Admíroo moito como escritor e somos amigos, supón unha honra que aceptase presentar o meu libro”, afirmou Calveiro quen confesou que lle daba un pouco de vergoña ter que tomar a palabra despois de Fernández Paz, “xa non terei nada que engadir; darei as grazas e poco máis”. Como a meirande parte da súa producción, Palabras de auga aborda un tema duro, pese a estar dirixida aos máis pequenos. “Non se poden enganar aos nenos e menos coa que está a caer en España; teñen que coñecer situacións dramáticas; os meus fillos ven tódolos días o telexornal; aínda así recoñezo que eu tamén os teño superprotexidos”. A inspiración da súa historia foi precisamente unha nova aparecida nun xornal: No Arxel as mulleres procuraban nos formigueiros os grans que recollen as formigas co que facer pan para os fillos: “Pareceume unha imaxe brutal da condición humana e pensei que esa realidade ben merecía unha novela”. Pese o seu compromiso social, Calveiro rexeita calquera finalidade de concienciación: “Eu fago literatura, non libros de formación para a cidadanía; aí acaba o meu traballo, outra cousa é que un orientador prepare unha unidade didáctica co libro”. Unha historia sangrante sobre a loita pola supervivencia no continente africano, pero que remata cun final aberto: “É un raio de esperanza, aínda que en calquera momento poden volver onde estaban”, apunta o autor.”.