Desde Praza:
“A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) organiza a partir do vindeiro venres 9 de novembro un obradoiro sobre a relación entre o mar e a literatura, que estará coordinado por Xurxo Souto, e que se realizará até final de ano todos os venres no Club do Mar de Santo Amaro, na Coruña. Hai apenas 20 prazas, que se adxudicarán por orde de inscrición. Haberá charlas, debates e roteiros, nos que estarán moi presentes os contos mariñeiros, as lendas mitolóxicas, a toponimia e talasonimia do mar da Coruña, a importancia do gremio de mareantes ou a influencia da emigración maritima.
“Vivimos como terrícolas e terrícolos cando o mar está aí sempre bourando”, láiase Xurxo Souto que imos aos poucos perdendo a nosa relación co mar, mesmo téndoo sempre diante, poñendo unha fronteira na liña de costa: “queremos salientar a idea de que o mar non é algo gremial, non é algo que pertenza só aos mariñeiros, nin ás mariscadoras, nin aos armadores nin aos ecoloxistas. O mar non é que sexa de todos senón que todos somos do mar”, di. “É coma cando lle preguntaron a Steffan Mörling por que viñera vivir a esta fin da Terra. O sueco respondeu rotundo: Un momentiño, Galiza non é un fin da Terra, é un centro do mar”, conclúe. E lembra: “Cando remata o boureo dos homes xa só se escoita o ruido do mar dicindo a palabra máxica: Orzán, Orzán, Orzán…”
O obradoiro quere recuperar “todas as historias náuticas que conforman as nosas cidades”. Trátase de recoller todos eses estimulos atlánticos para dar forma a literatura a pequenas historias. Historias coma as de Breogán ou as que rodean a Torre de Hércules. “Tan fecunda é a tradición evocadora que mesmo dispomos duns seres mitolóxicos propios: Os homes mariños, eses que choutan polo mar do Orzán, tal como describiu no século XVII o cardeal Gerónimo del Hoyo”, di Souto. (…)”.