O xurado da XXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, reunido no Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene, acordou outorgar o premio deste ano á obra Testamento poético. Ao entender dos membros do Xurado, o libro destaca polo uso coidado da linguaxe, mantendo unha estrutura de “cartas poéticas” nunha voz persoal e directa mantendo un ton reflexivo de carácter existencial e solidario. Aberta a plica, o libro resultou ser da autoría de Marisol Gándara Sánchez.
A autora, naceu en Francia en 1981, veu a Galicia con poucos meses e criouse en Ordes, é Licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago de Compostela onde actualmente cursa estudos de Xornalismo, ademais dun master en Paratradución na Universidade de Vigo. Obtivo diversos premios a poemas ou pequenos conxuntos de textos entre os que destaca a XV edición do Premio Francisco Añón, do Concello de Outes, en 2011. Ten publicado ocasionalmente algúns poemas no magazine dixital Achtung. A autora remarca que “o poemario está adicado a poeta Eva Veiga e, nela, a todas as mulleres que tiveron e teñen que medrar contra un modelo no que non acaban de encaixar de todo”.
O xurado desta edición do Premio estivo integrado polas escritoras María Rosendo Priego (gañadora da XXIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé) e Dores Tembrás, así como polo poeta e editor Miguel Anxo Fernán-Vello.