Cuestionario Proust: Marisol Gándara

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Marisol Gándara:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Insegura.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Sinceridade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Sinceridade.
4.– A súa principal eiva?
– A baixa autoestima.
5.– A súa ocupación favorita?
– Actividades mecánicas que non me obriguen a pensar, xa o fago con demasiada frecuencia.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Estou case segura de que non existe, por iso é ideal.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Supoño que demasiadas, prefiro non pensalo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Escritora/crítica.
9.– En que país desexaría vivir?
– Aquel no que sexa capaz de atopar a miña independencia social, económica, moral, etc.
10.– A súa cor favorita?
– Negro e branco, depende do día.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Non teño una favorita, gústanme moitas.
12.– O paxaro que prefire?
– Igual que a pregunta número 11.
13.– A súa devoción na prosa?
– Gabriel García Márquez.
14.– E na poesía?
– Bécquer.
15.- Un libro?
Del amor y otros demonios.
16.– Un heroe de ficción?
– Xesús Cristo. Serve?
17.– Unha heroína?
– Lulú de Las edades de Lulú (Almudena Grandes).
18.– A súa música favorita?
– Depende do día, polo xeral rock.
19.– Na pintura?
– Teño varios que me gustan pero a imaxe do Cristo Morto de Mantegna paréceme incríble.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-Coa debida abstracción e pulindo os “defectos” meu pai.
21.– O seu nome favorito?
– Rebeca.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O mesmo que non soporto en min cando se presenta. A preguiza.
23.– O que máis odia?
– Os preguizosos.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Non me gusta desprezar a ninguén pero supoño que entre eles están Hitler ou Trotsky.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A beleza.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Co tempo xusto para poder despedirme.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Dubidoso, sempre estou cuestionando(me) todo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A inseguridade.
30.– Un lema na súa vida?
– Calquera tempo pasado foi peor.”

Frank Eumer (Francisco Cortegoso) gaña o XXVI premio Pérez Parallé

Frank Euner (Francisco Cortegoso) obtivo a XXVI edición do Premio Pérez Parallé. Foi un interesante debate entre o xurado composto por Marisol Gándara, Ramón Blanco Fernández e Olalla Cociña Lozano. O sábado 9 de novembro, ás 20:00 horas, na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene tivo lugar a entrega do premio, onde o autor estivo representado por Gonzalo Hermo.

Marisol Gándara faise co XXV Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé

O xurado da XXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, reunido no Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene, acordou outorgar o premio deste ano á obra Testamento poético. Ao entender dos membros do Xurado, o libro destaca polo uso coidado da linguaxe, mantendo unha estrutura de “cartas poéticas” nunha voz persoal e directa mantendo un ton reflexivo de carácter existencial e solidario. Aberta a plica, o libro resultou ser da autoría de Marisol Gándara Sánchez.
A autora, naceu en Francia en 1981, veu a Galicia con poucos meses e criouse en Ordes, é Licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago de Compostela onde actualmente cursa estudos de Xornalismo, ademais dun master en Paratradución na Universidade de Vigo. Obtivo diversos premios a poemas ou pequenos conxuntos de textos entre os que destaca a XV edición do Premio Francisco Añón, do Concello de Outes, en 2011. Ten publicado ocasionalmente algúns poemas no magazine dixital Achtung. A autora remarca que “o poemario está adicado a poeta Eva Veiga e, nela, a todas as mulleres que tiveron e teñen que medrar contra un modelo no que non acaban de encaixar de todo”.
O xurado desta edición do Premio estivo integrado polas escritoras María Rosendo Priego (gañadora da XXIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé) e Dores Tembrás, así como polo poeta e editor Miguel Anxo Fernán-Vello.

Fallados os V premios de poesía Concello de Mugardos

“O xurado do V Premio de poesía Concello de Mugardos, formado por Mónica Mª Fernández, concelleira de Política Lingüística; Mª de la Concepción Díaz e Fátima García Cendán, bibliotecarias municipais; Eduardo Estévez, escritor; Aurora Valentina Varela, poeta; e actuando como secretaria Mª del Mar Nóvoa, declaran como gañadora do certame a Marisol Gándara, pola obra presentada baixo o lema Cousas de nenos: Por dentro. Na categoría de menores de 18 anos, o gañador do certame foi Darío Miranda Pastoriza, pola obra titulada Fálame. O acto de entrega tivo lugar o sábado ás 12:00 horas.” Vía Fervenzas Literarias.

Marisol Gándara gaña o Premio Francisco Añón de Poesía

“Marisol Gándara Sánchez, de Ordes, gañou o XV Certame Francisco Añón de Poesía, que convoca o Concello de Outes, pola súa obra Manuscrito segundo da poeta caníbal. O premio está dotado con mil euros e a publicación do poemario. A casa de cultura da Serra de Outes vestiuse de gala para acoller a gala de entrega de galardóns do certame de poesía nas súas distintas categorías. Na de 6 a 7 anos, o xurado declarou os premios desertos. No apartado de nenos de 8 a 9 anos, o galardón foi para Iago Santos Moledo polo seu traballo titulado A natureza. Na categoría de 10 a 11 anos, o premio recaeu en Lucía Valle-Inclán pola súa obra A mosca chosca. Mentres que en 12 a 14 anos gañou Marcela Porto Mato con A ti, e en 15 a 17 anos, o galardón foi para Lara Porto Mato por Doce cafés. Cada un deles recibiu vales de 120, 150, 180 e 230 euros para a compra de libros, respectivamente. O xurado, integrado por María Reimóndez, Román Cerqueiro, María Golán e Manuel García, tamén decidiu conceder varios accésits nas distintas categorías, que teñen como premio a súa publicación.
Por outra banda, o Concello de Noia rendeulles homenaxe aos escritores da localidade María Mariño e Antón Avilés de Taramancos. O acto, presidido polo alcalde, Rafael García Guerrero, consistiu nunha ofrenda floral diante dos bustos que ambos teñen na Alameda da vila.” Vía Galicia Hoxe.