Parlamento das Letras: Antonio García Teijeiro

Entrevista de Armando Requeixo a Antonio García Teijeiro no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Antonio García Teijeiro (AGT): Eu creo que lle faltan lectores/as. Custa moito que a xente lea en galego. Hai moito traballo por diante e torpedéase con demasiada frecuencia todo proxecto en galego con mentiras pensadas para deformar a realidade. Hai unha chea de discursos que dan noxo. Non sei como se pode ser tan ruín. Precisamos, coido, de máis escritores/as con “voz propia” que dean fondura á escrita. E que conste que xa hai, pero non sobran. Tamén me gustaría que se lese máis esa literatura que marca e que modifica conceptos. Que se fuxa dos clixés moi utilizados. Que se valore a LIX para facer lectores/as sólidos pensando no seu presente e no seu futuro. Todo isto non impide que crea que a nosa literatura está a atravesar unha época magnífica, pois hai variedade de temas, editoriais que arriscan, xéneros que se teñen en conta (ai, de todos os xeitos, o teatro e a poesía…!). Existe xente nova con ganas de innovar e outros que pretenden (e conseguen) fuxir do panfleto. Destaco as traducións que se están a facer doutras linguas (ademais de Galaxia e Xerais, saliento o labor de Rinoceronte), que, sen dúbida, enriquecen o noso panorama literario. Boto en falta xornais e revistas en galego que prestarían maior atención ás nosas letras e lamento e aplaudo ese esforzo que hai que facer para que subsistan os suplementos literarios en galego. O Faro da Cultura do Faro de Vigo é un exemplo de proxecto literario noso, serio e rigoroso. Onde noto un grande avance de algo que se precisaba urxentemente é no eido da crítica. Hoxe hai críticos moi preparados que permiten que teñamos referencias do que vai saíndo do prelo e fan visible unha boa parte do que se publica no noso país. Para rematar dúas cousas: a primeira, desexo unha maior atención á LIX (xa se vai conseguindo), ademais de darlle o prestixio que ten; a segunda, salientar o conxunto de blogues que existen nos que podes entrar e deixarte guiar polo que neles se di. (…)
– AR: Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– AGT: Algo (ou bastante) xa o dixen noutra pregunta. Eu destacaría a normalidade literaria que comeza a haber. Saen constantemente autores e autoras con propostas interesantes. E conviven coas obras dos máis veteranos. O esforzo das editoriais é ben grande. Fan apostas nada doadas. E saen adiante. Gustaríame que a xente visitase as librarías. Que follease os nosos libros, agás excepcións, algo agochados entre o número de volumes publicados, bastantes deles sen interese ningún. Hai libreiros moi comprometidos co galego e a nosa literatura e debemos axudalos a subsistir para que non perdan o ánimo. Merquemos máis libros en galego, borremos os prexuízos e complexos e fagamos da nosa literatura algo que a permita seguir medrando en todos os sentidos. (…)”.