Alberto Ramos: “O pesimismo contáxiase máis que a peste, haberá que superalo con rebeldía e coraxe”

Entrevista a Alberto Ramos en Praza:
“(…) – Praza (P): Tres libros e tres premios, dá máis alegrías a literatura que o xornalismo?
– Alberto Ramos (AR): Eu téñolle un pánico atroz aos editores, non porque me caian mal, pero non teño a valentía de ir cun manuscrito a dicirlle a un editor se mo publica. Por iso prefiro presnetarme aos premios dende o anonimato e se gañas, gañas, e senón nada. O xornalismo leva moito tempo de velorios, de despedimentos, de compañeiros e compañeiras que perden o traballo a un ritmo de vertixe. Alegrías, practicamente ningunha e non ten trazas de que iso vaia mellorar. Hai quen di que vivimos demasiado ben, non sei quen viviu tan ben do xornalismo, eu dende logo non e a maioría tampouco. Sempre hai algunha excepción, algún ex director, algún tertuliano… (…)
– P: En Todos os días imos atopar eses velorios, esas escasas alegrías do oficio e o xeito en que se xestionan?
– AR: No libro está reflectida a situación dos medios de comunicación, pero ese é un pano de fondo, a escusa. Para min o destacable é a ruptura dunha rutina. Sempre din que a rutina é alienante, pero a alienación real tamén é a ausencia dunha rutina. Esa destrución é o principal no libro e iso pode entendelo un xornalista, quen saíu escaldado do téxtil, os do metal, os do naval, os funcionarios que están perdendo dereitos… Ese medo é algo moi colectivo, entendémolo todos. (…)”.