Basilio Losada: “Vivín sempre no exilio soñando unha Galicia ideal”

Entrevista a Basilio Losada en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Que supón este premio?
– Basilio Losada (BL): Sorprendeume, pero supoño que se debe a que levo toda unha vida de servizo a Galicia e aos galegos. Recibín moitas fórmulas de recoñecemento desde Galicia polo meu labor de defensa da lingua, e dei centos de conferencias por toda España, fundamentalmente, por Cataluña.
– LVG: Cando comezou o seu traballo en defensa da lingua?
– BL: Aos 5 anos xa estaba fóra de Galicia. Meu pai atopou traballo en Madrid e eu pasei de vivir no paraíso a facelo nunha cidade inhóspita, brutal, cunha lingua que non coñecía. Así foi como sufrín ese complexo de inferioridade, ao falar unha lingua que ninguén coñecía nin estaba recoñecida. Cando fun á universidade foi cando o meu sentimento de Galicia se converteu nunha consciencia de Galicia e vontade de servizo, así que decidín dedicar a miña vida ao país, e convencer á xente, sobre todo aos emigrantes que chegaban cunha maleta e unha caixa de zapatos cun queixo, que falar galego non é falar mal, é falar ben, como outras tantas formas de falar ben.
– LVG: Como ve a situación da lingua na actualidade?
– BL: Actualmente, xa se eliminou o complexo de inferioridade, antes ríanse de nós por falar galego. O cultivo do galego avanzou moito e os mozos non teñen ese complexo esterilizador. Agora o reto é integrar a lingua galega na vida común de todos porque é unha herdanza. Antes o 90?% da xente do campo falaba galego e intentaba ocultar a súa realidade expresiva. Eu sufrino tamén, moito, e por iso tamén aprendín moi ben o castelán, e vivín sempre no exilio soñando unha Galicia ideal. Temos que lembrar que a gran creación ao longo de mil anos de historia foi construír a nosa lingua, e sería horrible que se perdese. A xeración que o permitise sería culpable ante a historia. (…)”