Entrevista a Raúl Dans en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Para un autor afeito aos adultos, como é escribir para cativos?
– Raúl Dans (RD): Foi unha experiencia moi satisfactoria. É esgotador animicamente escribir eses textos escuros e tan dramáticos nos que eu adoito meterme. Viña de escribir unha historia moi intensa, con personaxes cheos de sombras –a obra que gañou o Premi Born, Unha corrente salvaxe– e necesitaba facer algo máis esperanzador. E tiña no caixón a Henri e a Olivia, os personaxes principais de Un mosquito de nome Henri, que ideamos hai anos as miñas fillas Ángela e Carlota e eu. Por fin puiden escribir un final feliz e unha historia de amor correspondido.
– LVG: Por que para cativos pode escribir en sentido positivo e para adultos non?
– RD: Hai moitas cousas que non se lle deben quitar aos cativos, e unha delas é a esperanza, a ilusión. Dicirlles que con esforzo, con honradez e valentía se pode facer un mundo máis xusto. Os adultos xa sabemos que somos carne de derrota.
– LVG: Ser dramaturgo é, dentro do gremio autoral, como ser o último mohicano?
– RD: Si, os autores teatrais apenas pintamos nada no gremio da escritura. E xa non digamos no do espectáculo. Só publicas os teus textos se gañas un premio, e nin así consigue un chegar aos escenarios. Pero non importa. O teatro sempre será unha xénero literario magnífico para contar grandes historias en poucas palabras.”