Antón Baamonde: “Galicia está ao borde da extinción como suxeito político”

Entrevista a Antón Baamonde na sección Conversas no ronsel de Valentín Paz-Andrade da súa páxina oficial:
“(…) – Xan Carballa: A derrota de Galicia é o título do seu libro máis recente. Semella o desenvolvemento da idea de que o noso país se acaba como identidade diferenciada.
– Antón Baamonde: O título é un aviso, porque estamos ao borde da extinción como suxeito político. Isto non é un exceso esencialista, senón que enuncio os elementos que me levan a esa conclusión. O grao de desafección política coa autonomía é grande, se collemos os índices do CIS Galicia non ten as pautas de Cataluña e País Vasco. A maior parte da xente aposta porque a autonomía siga como está, pero se les entre liñas o desapego das institucións do autogoberno non é a que se agardaría dunha nación con tradición política propia. Por iso falo de fracaso, porque estes trinta anos non serviron para aumentar a adhesión da poboación co autogoberno. Sucede igual coa lingua. Se Núñez Feixoo tivo éxito nas eleccións de 2009 foi porque podía telo, noutro estado emocional da poboación iso non tería sucedido. O feito de que calase aquela mensaxe demostra até que punto ese elemento central que manifestaría a autoestima do país, barómetro de tantas cousas, estaba moi baixo e puideron saír do armario, con toda arrogancia, persoas cunha formulación que no fondo supuña eliminar o galego da educación infantil, ou sexa converter o idioma galego en estranxeiro a todos os efectos. Que iso se consiga fala de que ou non hai masa crítica suficiente na defensa da lingua ou que non sabe poñerse en acción de maneira efectiva para variar o rumbo. A falta de autoestima eu atribúoa a moitos factores. Unha parte da responsabilidade é do nacionalismo que neste tempo non soubo situarse como auténtico pau de palleiro do país, capaz de articular a nación, e viviu dunha maneira encapsulada. Se ti te encastelas non tes efecto de ósmose na poboación. Despois inflúe a propia estrutura do estado, a acción das outras forzas políticas e outros moitos elementos, pero os que teñen un papel proactivo neste terreo quizais non acertaron. A maiores goberna un home que non é o PP de Fraga. Fraga buscaba a centralidade e a homologación a través do diálogo co galeguismo cultural e era ambiguo, no bo e no malo, pero non buscaba a confrontación coa base identitaria. Este PP de agora si o fai, está moi pendente dos epicentros madrileños e esta política ten certo apoio dentro das clases medias urbanas. (…)”