Parlamento das Letras: Marta Dacosta

Entrevista de Armando Requeixo a Marta Dacosta no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Marta Dacosta (MD): Evidentemente á nosa literatura e á nosa cultura fáltalles normalidade, ter o apoio institucional e social que calquera literatura merece. Mais estes volven ser malos tempos para a lírica, a crise, as agresións ao noso idioma, son como mordidas de ratas que van rillando nos libros até que as historias desaparecen. Recoñezo que os tempos son malos en todas as latitudes e lonxitudes, mais non os criterios que fan da cultura un elemento esencial. E así no noso país redúcese a industria ligada á cultura, contribuíndo ao empobrecemento da sociedade, mentres vemos como noutras latitudes os libros teñen prezos moi económicos, permitindo que a literatura chegue a todas e a todos.
Por iso considero que sobran preconceptos como o de que a cultura non debe estar subvencionada. Ao contrario, cómpre que conte con apoio económico para chegar a todas partes, para ser accesíbel a todas e a todos. Porque entendo que unha sociedade máis culta é unha sociedade máis rica, máis dona de si. Aínda que, se cadra, é isto o que non se quere, o que non queren. Tamén sobran prexuízos. Hoxe por hoxe a literatura galega articúlase ao redor de diferentes eixes, que deixan fóra as persoas incómodas. Ao final isto repercute na imaxe que ofrece a literatura, en tanto en canto non son exclusivamente criterios e méritos literarios os que imperan á hora de explicar as posibilidades de proxección da obra dunha autora ou autor.
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MD: Como poeta é insatisfactoria, porque seguimos padecendo as mesmas dificultades de publicación e proxección da obra poética, cuestións que entran en contradición co número de autoras e de poemas que agardan a seren lidos. As redes sociais serven para desbloquear esta necesidade, mais é algo efémero, que obriga á brevidade para captar a atención e que logo se perde no hiperespazo. Cómpre seguir levando a poesía a todas partes, como sempre se fixo, e como seguen facendo moitas persoas.
E a poesía galega, como sempre, dando mostras da súa grandísima calidade. (…)”.