O neno can entra no catálogo das mellores publicacións sobre o tratamento da discapacidade

Desde La Voz de Galicia:
O neno can, o libro de breves relatos a favor de Unicef no que Fina Casalderrey e Francisco Castro abordan asuntos relacionados coa falta de dereitos básicos que padecen moitos nenos, acaba de ser incluído no Centro IBBY de Documentación para Nenos con Dificultades Especiais. Esta institución, con sede en Oslo, elabora a coñecida como Lista Outstanding Books 2013, unha colección cos títulos destacados polo seu tratamento da discapacidade. O libro galego, publicado no 2012, e no que se contan historias de cativos que teñen que sobrevivir remexendo nos colectores de lixo, a epopea desas nenas obrigadas a casar con homes adultos ou a discriminación de quen é diferente por calquera motivo, logra desta maneira un gran recoñecemento internacional. Entra nun catálogo que recolle as mellores publicacións sobre esta temática -editado en varias linguas-, e que se expón, primeiro, na Feria do Libro Infantil de Boloña e, posteriormente, en distintas capitais a través dunha mostra itinerante. Asemade, entra a formar parte dunha colección permanente que se expón no Centro IBBY. O libro que, a pesar da crueza das realidades que conta, amosa relatos cheos de vida, publicouse en galego pola Editorial Galaxia, firma que amosa a súa satisfacción polo recoñecemento. Nos vindeiros meses será publicado en castelán por outra editorial. (…)”.