A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organizará, como xa fixo en anos anteriores, un completo programa de actos con motivo da celebración pública do Día de Rosalía, o vindeiro 24 de febreiro, data do seu nacemento.
Este ano ten unha especial relevancia ao se cumpriren 150 da publicación de Cantares Gallegos, o primeiro libro íntegro monolingüe do renacemento da nosa literatura culta. Con este motivo, os actos tentarán proxectar a figura e obra rosaliana nos diferentes sectores sociais segundo o calendario que segue:
Venres 22 de febreiro
A AELG proporá aos centros do ensino a inclusión nese día de actividades escolares na súa programación, como lecturas e gravacións audiovisuais por parte do alumnado de poemas de Cantares gallegos, que divulgaremos desde o noso espazo web para darlles visibilidade social.
Sábado 23 de febreiro
Proponse a organización de lecturas de poemas de Rosalía de Castro a partir das sete da tarde nas distintas cidades e vilas, que poderá ir precedida ou acompañada da lectura dun manifesto que a propia AELG difundirá.
Finalmente, o domingo 24, ás 12:00 h., no Panteón de Galegos Ilustres, terá lugar un acto nacional onde serán lidos poemas de Cantares gallegos, ademais da realización dunha ofrenda floral.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega anima á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor no día do nacemento de Rosalía de Castro. O 24 de febreiro está recollido oficialmente como Día de Rosalía de Castro pola Consellería de Cultura e Educación no seu Calendario do Libro e da Lectura.
Para alén das actividades propias, a AELG coorganizará con diversas institucións e colectivos sociais outros actos de recoñecemento da nosa escritora fundacional. A AELG anima a toda a cidadanía a participar desas actividades.
Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.
A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional, pois reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta galeguidade intrínseca dos seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.