Completada a lectura colectiva de Cantares Gallegos proposta pola AELG aos centros de ensino para celebrar o Día de Rosalía de Castro

Unha das iniciativas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para a celebración do Día de Rosalía de Castro, o 24 de febreiro, foi a proposta aos centros de ensino de gravaren en vídeo a lectura por parte do alumnado de poemas de Cantares Gallegos para seren recompilados pola AELG na súa web e conformar así unha lectura colectiva completa do libro, o primeiro integramente monolingüe do renacemento da nosa literatura culta, publicado hai 150 anos.
A acollida foi tan boa que se completou esa lectura moito antes de rematar o prazo. Para dar cabida ás solicitudes recibidas posteriormente, e recoller así todo o entusiasmo e dispoñibilidade da comunidade educativa, decidiuse abrir unha segunda lectura colectiva, que xa está en andamento.
Ademais desta iniciativa, a AELG está en contacto con diversas institucións e colectivos sociais para promover outros actos de recoñecemento da nosa escritora fundacional.
A AELG anima a toda a cidadanía a participar desas actividades.
O 24 de febreiro está recollido oficialmente como Día de Rosalía de Castro pola Consellería de Cultura e Educación no seu Calendario do Libro e da Lectura, e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) anima á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor no día do nacemento de Rosalía de Castro.
Consulte aquí os centros adheridos e o resto da programación de actividades da AELG para a celebración do Día de Rosalía.
Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.
A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos, pois reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta galeguidade intrínseca dos seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.