Lugo: exposición Ben-Cho-Shey. 50 anos de maxisterio cultural (1918-1968)

O xoves 14 de febreiro, ás 20:00 horas, na Sala de Exposicións do Museo Provincial de Lugo (Praza da Soidade, s/n), inaugúrase a exposición Ben-Cho-Shey. 50 anos de maxisterio cultural (1918-1968), promovida pola Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, que estará aberta ao público até o luns 20 de maio, con entrada gratuíta e horario de luns a venres de 09:00 a 21:00 horas; sábados de 10:30 a 14:00 h. e de 16:30 a 20:00 h.; e domingos e festivos de 11:00 a 14:00 h.
No acto intervirán Antonio Veiga, Mario Outeiro, Xoán R. Cuba, comisario da exposición. Haberá tamén unha lectura dramatizada do Diario de Lugo de Ben-Cho-Shey, a cargo de Paloma Lugilde e Tareixa Campo, e a actuación musical de Mini e Mero.
A mostra estrutúrase en 4 apartados:
1. Fotobiografía: un percorrido cronolóxico pola vida de Ben-Cho-Shey con máis dun cento de fotografías e ilustracións.
2. Andar e aguzar. Os traballos e os días de Ben-Cho-Shey: As distintas vertentes do seu labor como polígrafo, cunha ampla información gráfica, bibliográfica e documental (o escritor, o xornalista, o etnógrafo, o arqueólogo, o político…).
3. O Partido Galeguista en Lugo 1931-1936. A constitución do Partido Galeguista en Lugo e o seu avance e consolidación na etapa en que Ben-Cho-Shey preside o Grupo local. Documentos inéditos: O Diario de Lugo de 1936, correspondencia co Comité Executivo do Partido, con militantes de distintas localidades, carta de Ben-Sho-Shey a Castelao dende Lugo, propaganda política orixinal da época e varios documentos gardados, nun arquivo clandestino, polo secretario do Grupo local de Chantada, Leonardo Fernández Souto.
4. Sociedade e cultura en Lugo 1918-1968. Unha cronoloxía da vida social e cultural de Lugo, nos 50 anos claves da traxectoria vital e intelectual de Ben-Cho-Shey, acoutada por dous anos simbólicos: o 1918, no que se celebra en Lugo a Asemblea Nacionalista, auspiciada polas Irmandades das Fala, e o 1968, ano de efervescencia política e cultural, no que Ben-Cho-Shey declara no TOP (Tribunal de Orde Pública) a favor de tres mozos lucenses detidos en Madrid a finais do ano anterior, pola campaña Libertade pra Galicia.