Membros da Sección de Crítica da AELG participan a finais de marzo nunhas xornadas internacionais de Literatura Infantil e Xuvenil en Italia

¿Me traduces una historia?: la traducción en ámbito infantil y juvenil é o título das III Xornadas Internacionais de Literatura Infantil e Xuvenil que terán lugar entre o 25 e o 27 de marzo, organizadas pola Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ), presidida pola profesora da Universidade de Santiago de Compostela, Blanca-Ana Roig Rechou, e por Elos. Asociación Galego-Portuguesa de Investigación en Literatura Infantil e X/Juvenil, presidida por Isabel Mociño González e que forma parte de ANILIJ como unha sección oficial que engloba a investigadores de Galicia e Portugual, dándolle así cabida á lusofonía.
Estas xornadas internacionais ao redor da tradución son un evento máis co que ambas Asociacións queren propiciar espazos de debate, reflexión e diálogo entre os investigadores en literatura infantil e xuvenil de todo o mundo, como xa fixeron anteriormente en Vigo, Alcalá de Henares, León, Cádiz e Guadalajara (México). Agora o escenario é a Universidade de Boloña (Italia), a través da profesora e socia Gloria Bazzocchi, que se prestou a organizalas na Scuola di Lingue e Letterature, Traduzione e Interpretazione, con Sede en Forlì, coincidindo coa celebración da Feira Internacional do Libro de Boloña, unha das máis importantes de Europa. Ademais das comunicacións, conferencias plenarias e mesas redondas, nas que van participar Eulalia Agrelo, Marta Neira, Mar Fernández e Carmen Ferreira, a Xunta directiva de ANILIJ-ELOS fará unha presentación da Asociación e dará unha conferencia sobre a tradución de Literatura Infantil e Xuvenil en Galicia no Centro de Tradutores da Feira de Boloña, unha oportunidade única para dar a coñecer o labor que dende Galicia se está a realizar tanto ao redor da investigación coma da tradución de literatura para os máis novos.
Estas xornadas están dirixidas a todo tipo de investigadores, estudiosos, tradutores, profesores, bibliotecarios e persoas en xeral interesadas neste campo do saber. Deste modo, preténdese seguir afondando en diversos aspectos da Literatura Infantil e Xuvenil dirixindo, nesta ocasión, a atención sobre a tradución, un dos campos de estudo máis fructífero pola súa dobre vertente de ben cultural e ben comercial. Así, as liñas temáticas destas III Jornadas versarán sobre a tradución en xeral da literatura infantil e xuvenil, pero tamén sobre a tradución audiovisual para nenos, a tradución do cómic e da novela gráfica, do teatro infantil, da tradución e/ou adaptación dos clásicos, da relación entre texto e imaxe e da función da tradución en comunidades con linguas minoritarias/minorizadas, entre outros aspectos.
O prazo para presentar propostas de comunicación remata o 3 de marzo de 2013 e pódense enviar a anilij@yahoo.es ou tamén a anilij@uvigo.es. Os asistentes en xeral poden inscribirse ata o 20 de marzo e toda a información está en na páxina en liña da Asociación ANILIJ.”